As Escolas Culturais pecharon o curso coa inauguración dunha exposición dos traballos de pintura do alumnado que se poderá visitar ata o 21 de xuño, e cunha exhibición de baile do grupo de danza moderna
As Escolas Culturais Municipais de danza e pintura do Concello de Arzúa organizaron a semana pasada dous actos cos que clausuraron o curso 2024-2025.
Así, o pasado xoves 29 de maio na Capela da Madanela acolleu a inauguración dunha exposición composta pola colección de traballos de fin de curso dos 30 alumnos e alumnas da aula municipal de pintura, tanto do grupo infantil como do de persoas adultas. A exposición de pintura poderá visitarse ata o vindeiro 21 de xuño, de martes a sábados en horario de 18:30 a 20:30 horas.
Ademais, os grupos municipais de danza moderna das Escolas Culturais municipais tamén realizaron unha exhibición de fin de curso o pasado sábado 31 de maio no Multiusos Terra do Queixo. As dúas aulas que suman 35 alumnas e alumnos, dende os 5 ata os 15 anos, ofreceron un completo festival con diversos bailes e coreografías.
O concelleiro de Cultura de Arzúa, José Luís García, agradeceu “a implicación de todo o alumnado, das súas familias e das profesoras Cristina e Mónica tanto por todo o traballo desenvolvido durante o curso como polo esforzo extra en organizar estas despedidas do curso”.