PUBLICIDADE

O Día de Rosalía de Castro enche a comarca de Santiago de celebracións

Os Concellos da comarca homenaxearon a Rosalía de Castro, no día do 188 aniversario do seu nacemento, con ofrendas, Caldo de Gloria e moitas actividades

O pasado domingo 23 de febreiro, os concellos da comarca de Santiago, renderon homenaxe á escritora e poetisa do Romanticismo e do Rexurdimento galego Rosalía de Castro, co gallo da celebración do seu aniversario de nacemento, que foi establecido hai uns anos co descubrimento da data real na que a escritora veu ao mundo: o 23 de febreiro de 1837 en Santiago de Compostela.

Así, no marco do Día de Rosalía, no que sería o seu 188 aniversario, a alcaldesa do Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, asistiu aos actos organizados pola Fundación Rosalía de Castro na praza de Vigo, na que naceu a escritora, e no Panteón de Galega e Galegos Ilustres.

O Concello de Santiago tamén publicou un bando municipal a cargo da rexedora no que ensalza “a traxectoria e a figura que representa unha muller do século XIX que quebrou os moldes, unha muller excepcional para o seu tempo”. O programa de actividades de Santiago pechou pola tarde co Festival Rosalía, que se veu desenvolvendo durante toda a fin de semana na praza de Mazarelos e noutros espazos da cidade.

PUBLICIDADE

Pola súa banda, o departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames desenvolveu o pasado 22 de febreiro, unha nova edición da excursión literaria Viaxando con Rosalía, na que visitaron algúns dos lugares máis senlleiros da vida e da obra da escritora e poetisa, na véspera da conmemoración do aniversario da autora. A excursión literaria, na que participaron unha 50 persoas, estivo guiada pola profesora e experta rosaliana María López Sández, e rematou na Casa-Museo da escritora, en Padrón.

Padrón, a vila na que viviu Rosalía de Castro

O Concello de Padrón, lugar de residencia de Rosalía de Castro durante a súa vida, participou durante a fin de semana diferentes actos e organizou diversas actividades para conmemorar o aniversario da escritora galega. Así o alcalde, Anxo Arca, participou pola mañá na ofrenda floral que tivo lugar en Santiago, no Panteón de Galegos Ilustres, no que o rexedor leu algúns versos da autora.

A veciñanza da vila na que desenvolveu Rosalía de Castro a súa vida tamén gozou, na xornada do sábado 22 de febreiro, a alborada cos xigantes de Rosalía e Castelao que percorreron ao mediodía as rúas do concello, mentres os establecementos ofreceron durante toda a xornada o Caldo de Gloria, símbolo de resistencia e dignidade. A estatua no paseo do Espolón acolleu a tradicional homenaxe a Rosalía para pechar os actos da véspera do aniversario da escritora, no que se realizou a tradicional ofrenda na estatua da autora en Padrón, e na que participou o secretario xeral de Lingua, Valentín García.

Para conmemorar o aniversario de nacemento de Rosalía de Castro, once establecementos de hostalería do Concello de Rois repartiron durante a xornada do domingo, de balde, unha tapa de Caldo de Gloria entre os seus clientes habituais e entre todos aqueles que se achegaron ata os seus locais durante a xornada. Ademais, repartíronse un milleiro de pousavasos cun verso da escritora e máis de 2.000 manteis conmemorativos tamén nos centros educativos, en Amipa e no Centro de Día de Urdilde.

O Concello de Brión homenaxeou a Rosalía de Castro no seu aniversario ao ritmo das campás da Igrexa parroquial de San Xulián de Bastavales, espazo que acolleu tamén a tradicional ofrenda floral, e que nesta edición incluíu o espectáculo artístico e musical Ao son das campá de Rosalía, coa voz de Esperanza Mera e as lecturas de poemas da escritora por parte da veciñanza.

Ao igual que o resto de rexedores da comarca, principalmente dos concellos máis próximos a Padrón e a Santiago, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta, José López Campos, participou na ofrenda floral na Praza de Vigo en Santiago de Compostela e en todos os actos conmemorativos organizados pola Fundación Rosalía de Castro co gallo do seu aniversario.

López Campos destacou, durante a ofrenda floral, “a importancia de ter sempre no recordo, non só nas efemérides, ás mulleres e homes que construíron a nosa identidade” a través da cultura, e incidiu en que “sobre todo, os que temos a responsabilidade institucional nestes momentos de preservar, poñer en valor e difundir o seu legado para o futuro, debemos ter sempre presente o seu exemplo”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.