O Outono a Escena do Concello de Arzúa, que comezou en outubro, ofrece artes escénicas e musicais tanto para público adulto como para a cativada
O Outono a Escena, ciclo que comezou no mes de outubro e está organizado polo departamento de cultura do Concello de Arzúa, estrea o mes de novembro, a partir das 21:00 horas na capela da Madanela, co monólogo cómico Enredada de Leti da Taberna, e que forma parte da sección do ciclo Venres na capela que ofrece diversas propostas para o público adulto.
Leti da Taberna trae o seu primeiro monólogo ao Outono a escena no que explora en ton irónico a nosa relación coas redes sociais e como nos inflúen no noso día a día. En galego e con perspectiva feminista, Enredada enche o escenario de luz e enerxía, provocando que o público se vexa identificado coas situacións que se presentan e acabe ríndose de si mesmo.
Leticia Miraz, máis coñecida como Leti da Taberna, é taberneira de nacemento e sociosanitaria de formación. En maio de 2020 comezou a subir contidos a TikTok. A día de hoxe, acumula decenas de miles de seguidores nas redes sociais, converténdose nunha taberneira virtual. Utiliza a retranca para realizar crítica social.