PUBLICIDADE

O concerto O Son de Arzúa amenizará a sesión vermú na 50ª Festa do Queixo

A música de Xisco Feijoo, na imaxe, pechará a xornada da Festa do Queixo que contará coa novidade do concerto O Son de ArzúaA música de Xisco Feijoo, na imaxe, pechará a xornada grande da Festa do Queixo que contará coa novidade do concerto O Son de Arzúa

O Son de Arzúa, o domingo 16 de marzo, trátase dunha proposta exclusiva creada especialmente para esta 50ª edición da Festa do Queixo que pechará co concerto de Xisco Feijoo

A Festa do Queixo de Arzúa 2025 baixará o pano do seu 50 aniversario, o domingo 16 de marzo, nunha xornada marcada pola música de raíz e o talento local. Así, a organización presenta un espectáculo único, creado exclusivamente para esta edición, tratasé do concerto O Son de Arzúa que se desenvolverá durante a sesión vermú. Ademais, está programada a actuación de Xisco Feijoo, que pechará esta 50ª Festa do Queixo de Arzúa.

Dous concertos que renderán homenaxe á cultura e á identidade musical da comarca e á tradición galega. Ademais, como novidade, este ano poderase volver gozar dos concertos libremente, sen aforo nin valado, explicaron dende a organización da Festa do Queixo de Arzúa 2025.

O Son de Arzúa, creado para esta edición da Festa do Queixo, trátase dunha fusión de tres agrupacións emblemáticas do concello: O Bringuelo, a Banda de Música de Arzúa e a Rondalla Moraima. As tres formacións únense para ofrecer unha viaxe sonora que reflicte a esencia e o legado musical da vila e a súa comarca. Os asistentes poderán gozar dun repertorio que mestura a música popular galega con arranxos orixinais e unha posta en escena vibrante. Un espectáculo que é unha homenaxe á identidade cultural do municipio arzuán, enchendo o escenario de emoción, historia e sentimento.

PUBLICIDADE

Síntome enormemente orgulloso do tecido musical do noso concello. Temos a sorte de contar cunha canteira de artistas que levan o nome de Arzúa alá onde van. Celebrar o 50 aniversario da Festa do Queixo coa súa música é a mellor maneira de homenaxear a nosa cultura e a nosa xente” (Xoán Xesús Carril, alcalde de Arzúa)

Así, a Festa do Queixo de Arzúa 2025 conmemora medio século de tradición, sabor e identidade, e nesta edición tan especial, a música local será o fío condutor dunha celebración que “quere render tributo aos seus verdadeiros protagonistas: a veciñanza de Arzúa“, indicou o rexedor.

A 50ª edición da Festa do Queixo despídese coa actuación de Xisco Feijoo

A xornada grande da Festa do Queixo completarase no musical coa actuación de Xisco Feijoo, unha das voces máis destacadas da música tradicional galega. Tras máis de 30 anos de traballo de recuperación etnográfica e colaboracións con artistas de renome como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Kepa Junkera e Berrogüetto, Xisco Feijoo lanzou en 2021 o seu primeiro proxecto discográfico en solitario, Peixe. Agora, chega a Arzúa presentando a súa nova proposta, Metamorfose de Peixe, e que poñerá o punto e final a este 50 aniversario da Festa do Queixo.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.