PUBLICIDADE

A 10K de Padrón coroa a Uxía Pérez e a David de la Fuente

A XXII 10K de Padrón contou con máis de 1.300 atletas na liña de saída, e na modalidade de 5 quilómetros os vencedores foron Xoana Rodil e Iván Puentes

A vixésimo segunda edición da 10K do Concello de Padrón corou na categoría absoluta aos atletas Uxía Pérez e David de la Fuente, que desputarón a cita padronesa como preparación para o vindeiro Campionato de España, nunha proba que contou na liña de saída con máis de 1.300 participantes nas diferentes distancias e categorías.

Así, Uxía Pérez subiuse ao máis alto do podio tras deter o crono en 36:12 minutos, aventaxando e máis dun minuto á segunda clasificada, Sofía Freaza (37:43), e a Nati García (37:50) que rematou terceira. No grupo masculino, o podio estivo máis igualado, pero decantouse por só uns segundos de diferenza para o corredor David de la Fuente (31:16 minutos), superando a Jorge Puig (31:18) e a Mehdi Elnabaoui (31:25), que ocupou o terceiro caixón.

A curiosidade desta XXII 10K de Padrón na proba absoluta protagonizárona Lassana Troure e Thierno Sacko, dous dos inmigrantes que están no centro de acollida do municipio. Ambos decidiron
correr a 10K na súa primeira participación nunha carreira, na que estiveron arroupados polos
compañeiros e polo director do centro.

PUBLICIDADE

A atleta Xoana Rodil (19:42 minutos) foi a gañadora na proba dos cinco quilómetros desta XXII 10K de Padrón, superando a Ana Isabel Soutullo (19:47) e a Inés Papín (20:08). No grupo masculino, impúxose Iván Puentes (15:21 minutos), por diante de Antonio Teijido (15:36) e de Brais García (15:56). Martina López Cristal e Martín Lestido levaron o premio como mellores atletas locais.

A cita deportiva iniciose contra as 16:00 horas coas probas escolares, nas que participaron 415 nenos nas diferentes franxas de idade. A competición continuou ás 16:50 horas coa proba de 5K, que contou con 282 corredores maiores de 16 anos, mentres que o prato forte da xornada, a carreira de 10K, deu comezo ás 17:40 horas, reunindo a 614 participantes nun percorrido homologado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA).

A carreira desenvolveuse nun ambiente festivo e cunha notable presenza de público ao longo do percorrido. Ademais, os asistentes tiveron a oportunidade de gozar da iniciativa gastronómica #GaliciaSabeAMar, promovida pola Xunta de Galicia, na que se ofreceron degustacións de petiscos elaborados con produtos do mar galego.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, o concelleiro de Deportes, Luis Mariño; e a concelleira de Turismo,
Chus Campos, estiveron na liña de saída das dúas probas e foron os encargados de entregar as medallas desta XXII 10K de Padrón aos escolares, nunha xornada na que o ambiente de festa deportiva reuniu á veciñanza e aos vistantes no entorno do Campo do Souto.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.