A XXI Festa da Filloa da Pedra da Baña repartiu preto de 10.000 filloas e xa ten banda sonora, composta polo pregoeiro Alonso Caxade para apoiar a declaración de Interese Turístico de Galicia
A XXI Festa da Filloa da Pedra do Concello de A Baña reuniu, durante a pasada fin de semana, principalmente durante o domingo 16 de febreiro, a miles de persoas que desfrutaron dunha festa que contou con concertos, degustacións ou obradoiros, e que repartiu preto de 10.000 filloas entre os asistentes, elaboradas polos voluntarios nas 30 pedras instaladas no pavillón municipal.
Ademais, dende esta edición, a Festa da Filloa da Pedra da Baña xa conta con banda sonora, composta por Alonso Caxade, e que estreou durante a primeira parte do seu pregón, coa que quere apoiar a declaración da festa como de Interese Turístico de Galicia, e na que repite os versos: “Lume a pedra, festa rachada, viva A Baña, a filloa dourada”. Unha banda sonora que fala da elaboración da filloa da pedra e do seu vencellamento co municipio.
Caxade non dubidou en asegurar que lle cedía esta canción ao Concello para promocionar a Festa da Filloa da Pedra, como lle pedira a tenente de alcalde da Baña, Mónica González. Cando o músico, que comezou a súa carreira como mestre na escola unitaria de Lañas, rematou o pregón, González e o alcalde José Antonio Pereira, regaláronlle a Caxade unha pedra de granito para que poida facer as filloas na casa.
Miles de persoas achegáronse ata A Baña para destrutar desta XXI edición da Festa da Filloa da Pedra, nunha data elixida para a súa celebración pola coincidencia co comezo da tramitación para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para esta celebración.
Os actos comezaron coa I Ruta Ciclista da Filloa, na que tomaron parte medio cento de persoas que percorreron 10 Km polo municipio bañense, e que ao remate puideron degustar uns petiscos de Ternera Galega, elaborados polo chef José Manuel Mallón.
Música e obradoiros na XXI Festa da Filloa da Pedra
E, antes do pregón de Alonso Caxade na Festa da Filloa, os integrantes da Escola de Música Tradicional da Baña ofreceron unha actuación que estivo moi concorrida. O trío Alborada encargouse de amenizar a sesión vermú, ao tempo que a Asociación de Familias do CPI San Vicente organizaban un obradoiro de estampado de camisetas para a cativada.
O mercado e a demostración en vivo de artesanía animaron a mañá dunha Festa da Filloa da Pedra na que os asistentes desfrutaron dun xantar no que degustaron filloas da pedra, orella e chourizo. A sobremesa estivo amenizada polos grupos 7 Ferrados e Os Carunchos, e pechou esta nova edición, ben entrada a tarde, o concerto de Fillas de Cassandra.