A II Ruta Ciclista, que forma parte da XXII Festa da Filloa da Pedra e que se disputa o 8 de febreiro, materá aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro venres día 6
A Ruta Ciclista da Filloa, no marco da XXII Festa da Filloa da Pedra do Concello da Baña, organiza a súa segunda edición. Unha cita lúdico-deportiva, que terá lugar o vindeiro domingo 8 de febreiro, que busca promover hábitos de vida saudables ao tempo que se pon en valor o patrimonio gastronómico do municipio.
A Ruta Ciclista da Filloa dará comezo ás 10:00 horas dende a Praza do Concello. A iniciativa ten como obxectivo consolidarse como unha proba inclusiva e familiar, para a que a organización deseñou dous trazados diferenciados: un de 5 quilómetros, ideal para os máis novos, e outro de 10 quilómetros para aqueles que busquen un desafío un pouco maior.
Dende o departamento de Deportes do Concello lémbrase que o uso do casco será estritamente
obrigatorio para todos os participantes. Así mesmo, establécese que os menores de 11 anos deberán
realizar o percorrido acompañados por unha persoa adulta. Como recoñecemento ao esforzo, ao
remate da ruta haberá un servizo de abastecemento e petiscos para todos os ciclistas.
As persoas interesadas en participar na II Ruta Ciclista da Filloa teñen de prazo ata o vindeiro venres 6 de febreiro para formalizar a súa inscrición. O trámite pode realizarse a través do teléfono 669 368 413 ou enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodabana.gal.
A iniciativa municipal, que conta tamén co apoio da Deputación da Coruña, estase a consolidar como unha das actividades máis dinámicas da programación festiva de febreiro na comarca e que forma parte da Festa da Filloa da Pedra.




