O acordo de colaboración, que veñen de asinar o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde do Concello de Arzúa, Xoán Xesús Carril, permitirá a realización de reparacións e melloras nas instalacións deportivas do municipio, que serán cofinanciadas por ambas entidades.
En base ao acordo, a Deputación achegará o 80 por cento (159.997 euros) do orzamento total das obras que é de 199.997 euros. Unhas actuacións que permitirán adecuar as instalacións deportivas da piscina municipal ou as bancadas do campo de fútbol, que presentan danos derivados do paso do tempo.
Este acordo é fundamental para a execución dunhas obras que permitirán evitar un maior dano nas infraestruturas e garantir que o Concello de Arzúa conte con instalacións deportivas en condicións óptimas de uso” (Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña).
O proxecto contempla unha intervención integral na zona da piscina exterior, que inclúe a demolición da praia perimetral existente, coa retirada da reixa e do actual sistema de desbordo. Executarase unha nova canaleta de bordo, renovarase a praia da piscina e levarase a cabo a impermeabilización e o revestimento tanto do vaso como da contorna, co obxectivo de mellorar a funcionalidade e a durabilidade da instalación. Ademais, mellorarase o acceso á sala das instalacións para facelo máis seguro.
No campo de fútbol as actuacións centraranse principalmente nas bancadas. Ampliarase o voo da cuberta para protexer os asentos da choiva e substituirase o peche do lateral actual por un vidrado que protexa ás persoas usuarias das inclemencias meteorolóxicas. Ademais, levaranse a cabo reparacións na estrutura da cuberta, mediante a súa limpeza, imprimación e esmalte.
O proxecto inclúe tamén a reparación da impermeabilización da lousa das bancadas, coa execución dunha nova base de morteiro e a colocación de gárgolas que permitan unha correcta evacuación da auga, evitando danos futuros.
Xoán Xesús Carril, destacou a importancia deste investimento para o concello e agradeceu o apoio da Deputación. “Falamos dunhas actuacións necesarias para garantir unhas instalacións deportivas seguras, accesibles e en boas condicións para a veciñanza. A piscina municipal e o campo de fútbol son espazos moi utilizados ao longo de todo o ano, e esta mellora permitirá prolongar a súa vida útil e ofrecer un mellor servizo”, sinalou.




