Máis de 200 alumnos das Escolas Deportivas Municipais de Rois pecharon o curso nas diferentes disciplinas dando conta do aprendido durante o ano con exhibicións no pavillón do Pumar pola mañá, e no dos Dices pola tarde
As Escolas Deportivas Municiapis do Concello de Rois despediron onte xoves o curso cunha festa que combinou deporte e convivencia en dúas sesións, pola mañá no pavillón do Pumar de Urdilde e pola tarde no dos Dices en Rois, que contou coa participación dun total de 210 nenos e nenas.
Así, o alumnado das Escolas Deportivas deu boa conta do aprendido ao longo do ano ofrecendo ao público asistente diferentes exhibicións en modalidades como judo, ximnasia rítmica, patinaxe artística, atletismo, tenis ou baile deportivo.
Pola mañá, o polideportivo do Pumar reuniu arredor de 80 rapaces e rapazas das Escolas Deportivas de judo, tenis, baile deportivo, xadrez e patinaxe artística. A partir das dez e media da mañá, sucedéronse as exhibicións, nas que os pequenos deportistas demostraron as súas habilidades ante o público.
A entrega de diplomas estivo presidida polo alcalde de Rois, Ramón Tojo, que tamén fixo entrega dun doce detalle a cada participante: unha galleta co escudo do Concello elaborada pola panadaría local San José. A rapazada de xadrez, aínda que non fixo exhibición, tamén recolleu os seus diplomas.
Xa pola tarde, a actividade trasladouse ao polideportivo dos Dices, no que outros 130 nenos e nenas tomaron parte nas modalidades de tenis, xadrez, atletismo, ximnasia rítmica, patinaxe artística e baile deportivo. Dende as catro da tarde foron sucedéndose as exhibicións, todas elas aplaudidas por un numeroso público que arroupou ás novas xeracións do deporte local. O concelleiro de Deportes, José Luis Ares, foi o encargado de entregar os diplomas e os agasallos.






