O equipo de Melide, formado por Ferreiro e Anido, participaron a pasada fin de semana no Solo Escort, proba que gañaron en 5 ocasións, e á que acudiron para preparar o Campionato de Europa FIA de Rallyes Históricos
O equipo de rallyes Motor Melide Sport, formado por Xesús Ferreiro e Xavier Anido, participaron o pasado sábado 1 de marzo no XVI Solo Escort, unha proba na que venceron en cinco ocasións e á que acudiron como parte da súa preparación para participar no Campionato de Europa FIA de Rallyes Históricos.
Así, Ferreiro e Anido acudiron ao XVI Solo Escort en Cornellana, Asturias, para participar nun rallye que conta con 30 equipos con diversos modelos de Ford Escort MKI e MKII, que supón un clásico do inicio de tempada para os de Melide, e ao que apenas faltaron nalgunha das súas 16 edicións. Ademais, Ferreiro e Anido ostentan o récord de vistorias neste rallye sprint.
Ferreiro e Anido, que nos vindeiros días anunciarán o seu programa para participar no Campionato de Europa FIA de Rallyes Históricos, non tiveron sorte nesta ocasión en Asturias. Aínda que comezaron o XVI Solo Escort sendo os máis rápidos co seu Ford Escort RS MKII e liderando a proba no seu ecuador con 50 segundos de vantaxe sobre o segundo, Juanjo Ordiales, o equipo melidense sufría unha saída na terceira pasada, danando lixeiramente a carrocería mais non mecánica.
Un incidente que lle costou ao equipo de rallyes de Melide perder algo máis de 15 minutos, polo que ante a imposibilidade de acadar un bo resultado neste XVI Solo Escort, Xesús Ferreiro e Xavier Anido decidiron abandonar unha competición na que se impuxeron Juanjo Ordiales e Jorge Miranda, por diante dos binomios Pablo López-Javier Rodríguez e José Antonio Araujo-Joao Aleixo.




