O polideportivo municipal de Lameiro acolleu a Masterclass de Zumba Solidaria cuxa recadación destinarase integramente á Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras enfermidades neurolóxicas (ACEM)
O pavillón municipal de Lameiro acolleu, o pasado sábado 22 de febreiro, unha Masterclass de Zumba Solidaria, organizada polo Concello de O Pino, que reuniu a algo máis de medio cento de veciñas e veciños do municipio e da comarca nun evento marcado pola música, a actividade física e deporte, e pola solidariedade. Todo o recadado durante a Masterclass de Zumba destinarase integramente á Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras enfermidades neurolóxicas (ACEM).
Durante a sesión da Masterclass de Zumba Solidaria, os participantes desfrutaron dunha clase impartida por monitores especializados, convertendo a tarde nunha auténtica festa deportiva. O evento, enmarcado dentro das celebracións do Entroido, contou tamén cun toque festivo, xa que algúns dos asistentes acudiron disfrazados, engadindo cor e diversión á xornada.
Grazas á elevada participación, conseguiuse unha importante recadación a través das entradas solidarias, cun custo de 5 euros por persoa, que será destinada integramente á ACEM para apoiar os seus programas de atención e apoio ás persoas afectadas por estas enfermidades.
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, agradeceu persoalmente a implicación de todas as persoas asistentes, así como a colaboración da ACEM e dos monitores que fixeron posible esta actividade. Cando acabou masterclass, o grupo puido degustar unhas saborosas filloas con roxóns que o concelleiro José Fuentes axudou tamén a elaborar.







