PUBLICIDADE

O Concello de Cerceda renovará o céspede artificial do anexo do campo do Roxo

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, tras a sinatura do convenio para o financiamento da renovación do céspede artificial do anexo do RoxoO alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, tras a sinatura do convenio para o financiamento da renovación do céspede artificial do anexo do Roxo

O Concello de Cerceda e a Deputación asinaron un convenio a través do cal o ente provincial achegará 250.000 euros para unha intervención que conta cun orzamento duns 313.000 euros

O Concello de Cerceda continúa a executar a súa estratexia de mellora das instalacións deportivas municipais coa vista posta nun obxectivo: deixar os espazos deportivos en condicións óptimas para que, durante os próximos anos, o principal esforzo sexa só o mantemento.

Precisamente onte tivo lugar a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Cerceda e a Deputación da Coruña para cofinanciar as obras de renovación do céspede artificial do campo anexo ao Roxo, que teñen un orzamento de arredor de 313.000 euros, dos cales a Deputación achegará 250.000 euros.

Deste xeito, o campo de fútbol anexo ao Roxo mudará o seu céspede artificial, actualmente deteriorado polo uso continuado e o paso do tempo. Esta mellora, que suporá un salto cualitativo na calidade das instalacións, beneficiará a centos de deportistas locais que utilizan o campo para partidos e adestramentos, garantindo unha superficie segura, moderna e adaptada ás esixencias actuais do deporte.

PUBLICIDADE

Esta actuación complétase co recente cambio das luminarias no mesmo recinto, xa executado, que permitiu dotar o campo dunha iluminación máis eficiente e potente, facilitando o seu uso en horario nocturno e reducindo ao mesmo tempo o consumo enerxético.

Este esforzo engádese á importante obra que se está a desenvolver no campo do Outeiro, na Silva, e á intervención prevista en Rodís, nun conxunto de proxectos que deixará a práctica totalidade das infraestruturas futbolísticas do Concello de Cerceda plenamente renovadas.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, sinalou que “este é o mandato dos investimentos nas instalacións futbolísticas. Isto persegue un obxectivo: ter unhas instalacións en boas condicións para a primeira metade do século XXI. Ao que me refiro con isto é que nos próximos anos teremos que encargarnos principalmente do mantemento, non de reformas, pois xa estarán acometidas”.

O rexedor aproveitou a ocasión para agradecer ao presidente provincial “a gran axuda que a Deputación lle brinda ao Concello de Cerceda, que se exemplifica con esta actuación, pero que está presente en moitas outras, como as obras financiadas a través do Plan Único”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.