O primeiro Mundial de Hip Hop coreográfico disputarase no Pazo da Cultura os días 10 e 11 de maio, nunha cita á que chegan os mellores deportistas da especialidade dende Sudáfrica, Chipre, Bélxica, Bulgaria, Francia, Suecia, Italia e España
A cidade de Narón acolle o Mundial de Hip Hop coreográfico, despois de que a World Dance Sport Federation (WDSF) elixira ao municipio de Ferrolterra, cunha longa traxectoria e amplo palmarés no eido do baile deportivo, como sede para organizar e acoller esta primeira edición que se disputará nun total de sete categorías: Junior Small Team, Junior Big Team, Youth Small Team, Youth Big Team, Adulto Small Team, Adulto Big Team e Megacrew.
A cita mundialista de Hip Hop, que se disputará os vindeiros días 10 e 11 de maio no Pazo da Cultura de Narón, contará co concurso dun total de 804 deportistas procedentes de oito países: Sudáfrica, Chipre, Bélxica, Bulgaria, Francia, Suecia, Italia e España.
A cita co Hip Hop coreográfico comezará o sábado ás 11:00 horas coa disputa da Liga Xunta de Galicia da modalidade, nas diferentes categorías (baby, infantil e premium) e que continuará ata media tarde. Ás 18:00 horas dará comezo o I Mundial de Hip Hop coas categorías junior, youth, absoluta e megacrew) e coa entrega de premios ás 20:50 horas. A competición do mundial continuará na xornada do domingo, coa disputa do resto de categorías entre as 16:00 e as 19:50 horas, cunha nova entrega de premios.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, que presidiu onte a presentación do I Mundial de Hip Hop, recoñeu o esforzo de todas as persoas implicadas na organización deste evento “de primeiro nivel”, tamén a aposta das federacións mundial, estatal e autonómica por levalo a cabo en Narón e polo respaldo da Xunta de Galicia.
Entre todas e todos poñerase de novo a Narón no mapa, neste caso a través do hip hop, tanto o día 10 como o 11, grazas ao esforzo realizado durante moitos meses e que se verá representado esta fin de semana no Pazo da Cultura con esta cita mundialista” (Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón)
Pola súa banda, Luis Vañó, presidente da Federación Española de Baile Deportivo, que acompañou na presentación a Marián Ferreiro e a Graciela Toba, presidenta da Federación Galega de Baile Deportivo; Jesús Marcos, presidente do Club Baile Deportivo Narón e Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol, incidiu en que “en Narón levamos a cabo diferentes iniciativas e tratádesnos sempre coma na casa, polo que axudar a que nesta cidade se leven a cabo grandes probas é case unha obriga persoal, atrevémonos con todo”.
A súa homóloga na Federación Galega, Graciela Toba, manifestou que “é un honor participar nesta presentación dun evento que vai quedar para a historia, o primeiro campionato do mundo de hip hop”, e destacou que “o feito de que se organice en Galicia no é casual senón que é o resultado dunha traxectoria firme e do compromiso de organizadores, clubs, adestradores, deportistas e familias que creron no hip hop dende un principio”.
A presidenta do baile deportivo galego, explicou que Galicia é a comunidade que conta con maior número de licencias de hip hop coreográfico de España, e tamén destacou a Liga Xunta da modalidade, da que haberá unha xornada o sábado, contribuíu tamén a dar visibilidade a este baile deportivo, que na comarca de Ferrolterra ten bastante tradición.
A WDSF confía en nós porque nos rodeamos de boa xente e por iso nos axudan a levar a cabo este primeiro Mundial de Hip Hop, e que recibirá Virán a participar a un tipo de deportistas cunha enerxía diferente á que estamos acostumados a ver e estou seguro de que imos desfrutar moito” (Luis Vañó, presidente da Federación Española de Baile Deportivo)
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou a importancia deste campionato mundial e a “paixón” do municipio polo baile deportivo, así como o traballo que neste ámbito desenvolven os clubs locais. Aneiros puxo en valor o crecemento do hip hop entre a mocidade e o apoio da Xunta a un deporte que transmite valores de “esforzo, creatividade, disciplina e traballo en equipo”.



