O tamén amesán Thiago Vilas subiuse ao terceiro caixón do podio na súa estrea na categoría Sub-15 dun Campionato que se disputou en Pontevedra e reuniu as grandes promesas do squash galego
Os amesáns Mara Prieto e Mauro Vilas veñen de conseguir, o pasado 28 de febreiro en Pontevedra, a medalla de ouro no Campionato Galego Sub-15 de Squash. Os deportistas, pertencentes ao Squash Santiago, venceron nas súas respectivas finais dunha cita clave dentro do calendario autonómico que reuniu ás grandes promesas do squash galego.
Mais non foi o único éxito dos de Ames, xa que Thiago Vilas, irmán de Mauro, subiuse ao terceiro caixón do podio na súa estrea na categoría Sub-15. Na edición anterior do Campionato Galego, Thiago conseguiu a medalla de ouro en Sub-11, un triunfo que levou ao Concello de Ames a facerlle un recoñecemento como Promesa masculina máis destacada do municipio na Gala do Deporte do pasado 21 de febreiro.
Axudas aos deportistas amesáns
Tanto Mara Prieto como Mauro Vilas foron beneficiarios, no ano 2025, de dúas das 21 bolsas de axuda aos deportistas locais que ofertou o Concello. Unha convocatoria por valor de 10.000 euros que ten como obxectivo apoiar a práctica e o rendemento deportivo, así como posibilitar a participación dos e das deportistas do concello en eventos deportivos. Cada deportista puido optar a unha axuda máxima de 700 euros.



