PUBLICIDADE

A Padrón 10K abre o prazo de inscrición con prezos reducidos ata o 31 de xaneiro

PorBisbarra

Mércores, 15 Xaneiro 2025 , ,
Momentos antes de dar a saída da proba principal da Padrón 10K nunha edición anterior da carreiraMomentos antes de dar a saída da proba principal da Padrón 10K nunha edición anterior da carreira

A XXII Padrón 10K, que se disputa o sábado 15 de febreiro, abriu onte as inscricións ata o 12 de febreiro, dunha proba organizada polo Concello e que conta con percorridos homologados

A XXII Padrón 10K, que se disputa o vindeiro sábado 15 de febreiro, vén de abrir onte martes o prazo de inscrición dunha proba de fondo que organiza o Concello de Padrón e que contará con diferentes percorridos homologados pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA).

Así, os interesados en participar nesta nova edición da Padrón 10K poderán formalizar as súas inscricións ata o vindeiro mércores 12 de febreiro ás 23:59 horas. Ademais, a organización ofrece prezos reducidos para todos aqueles que se anoten antes do 31 de xaneiro.

Os interesados en correr a Padrón 10K, que contará con dous percorridos segundo a categoría, terán que formalizar as inscricións a través da páxina web www.emesports.es. Para as distancias 5K e 10K, nas categorías dende Sub-16 ata Máster, o custo da inscrición é de 7 euros ata o 31 deste mes, e de 9 euros a partir dese día. No caso das categorías escolares, ata Sub-14, a participación será de balde.

PUBLICIDADE

A XXII Padrón 10K contará con dous percorridos homologados para as categorías máis altas, un de 5 e outro de 10 quilómetros, ademais das distancias curtas adaptadas para os máis cativos (dende 60 ata 300 metros) e dende 600 a 300 metros para os Sub-10, Sub-12 e Sub-14. En total haberá 13 categorías e as carreiras dos Pitufos (nados no 2021 e posteriores) e Prebenxamíns (nados dende 2018 a 2020) serán probas non competitivas.

As saídas da XXII Padrón 10K comezarán ás 16:00 horas no Campo do Souto, en primeiro lugar para as categorías inferiores; ás 16:50 horas darase a saída da carreira 5K, e ás 17:40 horas será a quenda dos 10 quilómetros.

A recollida de dorsais realizarase o día da proba no Pavillón do Souto (Campo do Souto) en horario de 11:30 a 13:00 horas (recomendable) e a partir das 15:00 horas ata media hora antes do inicio de cada proba. Os dorsais e o chip outorgados pola organización son persoais e intransferibles. Todas persoas que participen terán acceso a servizos como duchas, gardarroupa e avituallamento.

Entrega de premios da XXII Padrón 10K

Ao remate da cita co deporte organizada polo Concello de Padrón terá lugar a entrega de premios, que se entregarán aos máis rápidos na carreira 10K, tanto no grupo masculino como feminino e que están dotados económicamente, por orde de chegada dos catro primeiros e primeiras, con 250, 150, 75 e 50 euros, respectivamente. Ademais, entregarase un premio especial de 50 euros ao corredor ou corredora local que remate na mellor posición.

Tamén levarán trofeos nesta XXII Padrón 10K os tres primeiros atletas de cada categoría, os tres primeiros da clasificación absoluta, o mellor corredor local, os tres primeiros equipos, o participante de máis idade que chegue a meta (Trofeo Supermáster), o club ou colexio con máis inscritos (Trofeo Participación) e os tres primeiros das categorías Sub-16, Sub-18 e da proba 5K.

Un momento da Padrón 10K o ano pasado con varios corredores e Convento do Carme ao fondo
Un momento da Padrón 10K o ano pasado con varios corredores e Convento do Carme ao fondo

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.