O equipo de Melide de Xesús Ferreiro e Xavier Anido foi o máis rápido na terceira proba do Europeo de Ralis Históricos en Francia, despois de lograr tamén o triunfo nas citas da Costa Brava en España e da República Checa
Xesús Ferreiro e Xavier Anido comezaron a tempada do Campionato de Europa FIA de Ralis Históricos cun balance perfecto, pois foron os gañadores nas tres probas disputadas ata o momento, todas elas moi diferentes entre si e mesmo algunha descoñecida para o equipo Melide MotorSport, como foi o caso da última celebrada en Francia a mediados de maio, o Rallye d’Antibes – Côte d’Azur Historic.
Tras lograr as vitorias no Rally Costa Brava en España e no Historic Vltava Rallye na República Checa, a cita no país galo supuxo un auténtico reto para Xesús Ferreiro e Xavier Anido, que comezaron o seu concurso con algún que outro imprevisto. O camión que transportaba o Ford Escort RS MKII dos melidenses tiña unha avaría no desprazamento cara á Costa Azul.
Ademais, Ferreiro e Anido perderon unha ligazón nun dos voos, polo que o tempo que tiveron para os recoñecementos foi moi xusto co agravante de que só se podían realizar dúas pasadas polos treitos, como marcaba o regulamento, xa que por esas mesmas especiais se disputan ata catro ralis cada ano.
Xesús Ferreiro e Xavier Anido rodaron sempre en posicións de cabeza e mantivo un ritmo moi bo que lle permitiu lograr a vitoria na Categoría 3, na que se situaba en primeira posición a partir do quinto treito e na que permanecería ata o final ademais de concluír na novena praza absoluta, despois dun noveno e derradeiro treito absolutamente dantesco marcado pola intensa tormenta que descargou nese momento.
“Aínda que o motor segue fallando a baixas revolucións, o que nos prexudicou porque a proba era bastante lenta, creo que realizamos unha magnífica carreira nuns treitos preciosos, algúns dos cales tamén se disputan no Rallye de Monte-Carlo e de feito o domingo disputouse o Col de Turini, proba puntuable para o Nacional galo e polo que nos facía ilusión pasar, mais non estaba incluído no percorrido do noso rali, que finalizaba o sábado” (Xesús Ferreiro, piloto do equipo Melide MotorSport)
Ferreiro e Anido explicaron que non cometeron erros e sempre estiveron moi centrados no que tiñan que facer, a pesar de que “no derradeiro treito o pasamos realmente mal porque creo que nunca disputara unha especial con tanta choiva, os pneumáticos non daban evacuado a auga e era materialmente imposible acelerar a fondo, mesmo no medio dunha recta”.
Agora o equipo Melidense, que consolida o liderado na súa categoría despois deste inicio de tempada no Europeo FIA de Ralis Históricos, afronta a seguinte proba, o Ypres Historic Rallye en Bélxica, a última fin de semana deste mes, e que “será decisivo para o noso obxectivo, xa que é necesario puntuar en seis probas e ata o de agora levamos tres vitorias de tres posibles”, incidiu Ferreiro.
