O Aquapark abriu este mediodía as súas portas ao público, que poderá disfrutar deste espazo ata setembro, ademais o Concello de Cerceda ofrece outras posibilidades de baño nas piscinas municipais durante a época estival
O Aquapark de Cerceda abre hoxe luns 9 de xuño as súas portas ata o vindeiro 7 de setembro, polo que permanecerá aberto durante practicamente tres meses. As entradas xa se poden adquirir na páxina web do parque acuático, que inicia así a súa nova etapa estival.
O prezo da entrada pola semana ten nun custo de 10 euros de luns a venres para os maiores de 12 anos; 7 euros no caso de ter entre 5 e 12 anos e dun euro para os menores de 5 anos. No que se refire aos sábados, domingos e festivos o prezo da entrada é de 11 euros para maiores de 12 anos; 8 euros para nenos entre 5 e 12 anos, e 2 euros para menores de 5 anos.
Ademais, o Aquapark de Cerceda tamén oferta abonos de sete días (nominativos e intransferibles) cun prezo de 50 euros para persoas adultas e 25 para nenos e nenas de 5 a 12 anos. O horario de apertura das instalacións será ás doce do mediodía, pechando as mesmas ás 20:00 horas.
O parque acuático conta con máis de 30.000 metros cadrados que acollen unha gran variedade de atraccións, desde piscinas de ondas a tobogáns xigantes para todas as idades.
Ademais, o Concello de Cerceda tamén ofrece outras posibilidades de baño durante o verán. Por unha banda, a piscina municipal da Silva estará aberta do 21 de xuño ata o 7 de setembro, sendo a entrada totalmente de balde; mentres que a piscina municipal de Cerceda, aberta durante todo o ano, seguirá dispoñible en horario de mañá durante o mes de xullo, permanecendo pechada en agosto.