PUBLICIDADE

50 persoas maiores afectadas pola DINA gozan dunha semana no balneario da Arnoia

O grupo reside en Massanassa, un dos municipios máis afectados pola DINA.O grupo reside en Massanassa, un dos municipios máis afectados pola DINA.

O balneario da Arnoia acolle durante esta semana aos primeiros 50 usuarios do programa de “Respiro Termal”, destinado aos maiores afectados pola DINA de Valencia. Trátase dunha iniciativa pioneira da Deputación de Ourense que sufraga ao 100 % a viaxe, estancia e tratamentos deste grupo de persoas.

O presidente provincial, Luís Menor; o presidente da Fundación San Rosendo, xestora do balneario, José Luis Gavela; e o director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira; realizaron unha visita a este grupo de persoas residentes en Massanassa. Así, sinalou que “o único obxectivo deste programa é axudarlles a paliar os efectos psicolóxicos da catástrofe que viviron a través dun dos recursos propios que nos definen como provincia, o termalismo”.

Os usuarios transmitiron a Menor que a iniciativa estalles servindo para “darlles vida”. Nesta liña, o presidente provincial respondeu que “iso é o que nos reconforta como administración pública”. Asemade, Menor felicitou á Área de Benestar da Deputación de Ourense “por articular unha moi boa acción solidaria que axuda a quen máis o necesita, poñendo en valor os inmensos recursos que aquí temos”.

PUBLICIDADE

Como portavoz do grupo de usuarios, Amparo Romeu amosou o seu agradecemento por esta experiencia. Asegurou que lles está servindo para superar traumas. Neste sentido, explicou que antes da DINA ían nadar varias veces á semana, pero que colleron medo á auga. Non obstante, “aquí conseguimos tirarnos á piscina, foi para nós como un renacer”.

Amparo Romeu falou en representación das persoas afectadas pola DINA participantes no "Respiro Termal".
Amparo Romeu falou en representación das persoas afectadas pola DINA participantes no “Respiro Termal”.

CONTIDO DO PROGRAMA

O grupo de residentes de Massanassa foi seleccionado segundo os criterios dos Servizos Sociais do Concello valenciano. No balneario da Arnoia desfrutan de pensión completa, consulta médica, técnicas termais grupais, actividades para mellorar a saúde emocional e actividades físicas. Ademais, tamén realizarán excursións á comarca do Ribeiro e visitarán o centro histórico da capital.

O presidente provincial explicou tamén que a elección de Massanassa vén dada por varias razóns. Por tratarse dun dos municipios máis afectados polo desastre natural, polo máximo interese mostrado polos representantes municipais desde o primeiro momento e por ser unha entidade local pertencente á Rede Española de Cidades Saudables e de Vilas Termais, ambas seccións da FEMP, ás que tamén pertence a institución provincial ourensá.

Baseándose na experiencia acumulada na última década na xestión de diferentes fórmulas de intervención social a través dos balnearios, a Deputación de Ourense propuxo á FEMP colaborar nesta iniciativa termal. De feito, a presidenta da FEMP, María José García-Pelayo, amosou a súa resposta positiva e total respaldo á iniciativa, manifestando tamén o seu interese por coñecer os resultados do proxecto.

AVALIACIÓN DE RESULTADOS PARA FUTURAS INICIATIVAS

A Deputación e a FEMP avaliarán os resultados obtidos e o grao de satisfacción dos participantes e polo Ayuntament de Massanassa.

As conclusións permitirán determinar a posible transferencia do programa a outras entidades locais membros de Vilas Termais e a outros municipios da Comunidade Valenciana afectados pola DINA.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.