PUBLICIDADE

A Xunta e Ferrol reclaman a modernización da liña ferroviaria

A Xunta e Ferrol defenden propostas de mellora da mobilidade e o transporte ferroviario na zona.A Xunta e Ferrol defenden propostas de mellora da mobilidade e o transporte ferroviario na zona.

A Xunta e o Concello de Ferrol demandan a modernización da liña ferroviaria. Nesta liña, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; e representantes dos grupos municipais que compoñen a Corporación de Ferrol reuníronse en San Caetano. Máis concretamente, os voceiros municipais que acudiron ao encontro foron Pamen Pieltain, Rafael Fernández, Iván Rivas e Jorge Suárez. Tamén participaron a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Na reunión, o conselleiro presentou o estudo “Propostas de mellora da mobilidade e o transporte ferroviario en Ferrolterra”. Este foi impulsado pola Xunta ante a falta de concreción do Estado en relación coas actuacións previstas nesta área. O documento sinala como principais problemas a existencia de infraestrutura e materiais obsoletos, falta de mantemento, limitacións do trazado e altos tempos de viaxe. Isto repercute nunha baixa competitividade e un uso decrecente deste medio.

O Goberno galego aposta polas melloras ferroviarias e o desenvolvemento dun nodo intermodal que facilite a conexión entre diversos medios de transporte. Con este obxectivo, propón a reordenación e melloras na infraestrutura para reducir os tempos de viaxe a 45 minutos e mellorar a funcionalidade e seguridade viaria, cun investimento estimado de máis de 250 millóns de euros. As actuacións prevén melloras puntuais no trazado, executar a variante de Betanzos, establecer novos puntos de cruce para incrementar as frecuencias, a electrificación da liña e a adecuación dos apeadeiros.

PUBLICIDADE

ESTACIÓN INTERMODAL DE FERROL

Sinálase tamén a importancia de potenciar a intermodalidade co desenvolvemento da estación intermodal de Ferrol, que precisaría dun investimento de 37 millóns de euros. Cómpre lembrar que tanto a Xunta como o Concello levan anos agardando a formalización dos convenios co Estado para esta obra a prol da accesibilidade e da funcionalidade.

Calvo defendeu “medidas irrenunciables para garantir a conectividade de Ferrol e culminar o eixe atlántico”.
Calvo defendeu “medidas irrenunciables para garantir a conectividade de Ferrol e culminar o eixe atlántico”.

Segundo sinalou Diego Calvo, “Ferrol precisa de iniciativas para non perder o tren da modernización nas infraestruturas ferroviarias”. Nesta liña, lembrou que a Xunta xa vén demandando desde hai anos a intermodal para esta cidade, a única en Galicia que non a ten en funcionamento ou en obras. Así mesmo, reclama a mellora da liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol para reducir os tempos de viaxe, así como a inclusión desta rede e do porto de Ferrol no Plan director do Corredor Atlántico.

“Trátase de medidas irrenunciables para garantir a conectividade de Ferrol e culminar así o eixe atlántico”, apuntou o conselleiro. O vindeiro paso será, con posterioridade, remitir dito estudo ao Goberno para que atenda as propostas de mellora das infraestruturas ferroviarias incluídas e se atendan as reivindicacións de Ferrol.

SUPRESIÓN DO ENLACE ENTRE FERROL E MADRID

Ademais, o conselleiro aludiu tamén á supresión do enlace directo entre Ferrol e Madrid, que evidencia que “lonxe de mellorar as conexións, o Goberno segue reducíndoas”. Así, reclamoulle ao Executivo central que Galicia conte coas conexións e infraestruturas ferroviarias que precisa para competir en igualdade de condicións con outros territorios.

“Cando Renfe fai un anuncio é para tapar unha mala nova e hoxe podemos confirmar que non nos equivocabamos” afirmou Calvo. Así, volveu reiterar que Galicia precisa dunha oferta de billetes axeitada para que os usuarios poidan planificar as súas viaxes e non só “promesas insuficientes” para pasar a unicamente a época estival. “Non queremos ser máis ca ninguén, pero tampouco menos”, concluíu.

DILACIÓN NA RESPOSTA MINISTERIAL

A celebración deste encontro entre Concello de Ferrol e Xunta produciuse en menos dunha semana con respecto á xunta de voceiros na que se acordou solicitalo. Dita xunta fora convocada tras a dilación no tempo da resposta por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible á petición de reunións efectuada polo alcalde en decembro de 2023, outubro de 2024 e abril de 2025. Neste sentido, o departamento estatal contestou cunha reunión telemática. Finalmente, grazas á insistencia da corporación municipal, esta será presencial, en Madrid, o martes 27 de maio.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.