PUBLICIDADE

Inauguradas as primeiras actuacións de “Abrir Ferrol ao mar”

PorBisbarra

Venres, 14 Febreiro 2025 , ,
A primeira fase de “Abrir Ferrol ao mar” supuxo un investimento de 4,6 millóns de euros.A primeira fase de “Abrir Ferrol ao mar” supuxo un investimento de 4,6 millóns de euros.

Esta mañá celebrouse o acto de inauguración das actuacións realizadas no porto ferrolán dentro do proxecto “Abrir Ferrol ao mar”. No acto participaron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela; e o presidente da APFSC, Francisco Barea.

O titular do executivo galego destacou que a posta en servizo da totalidade da primeira fase de “Abrir Ferrol ao mar” permite avanzar nunha cidade “máis vivible e sostible”. Durante a súa intervención ao remate dun percorrido pola zona de actuación, o presidente da Xunta salientou a colaboración entre administracións e entidades para levar adiante as actuacións na fachada marítima ferrolá. Segundo Rueda, “isto é o que piden os veciños con todo o dereito”.

Así pois, inaugurouse o entorno da dársena de Curuxeiras e a ampliación dun aparcamento na zona da Capitanía Marítima, completando a primeira fase do proxecto. Esta está destinada a fomentar a mobilidade sostible na fachada marítima ferrolá, facéndoa máis atractiva para a cidadanía e visitantes e integrándoa na súa contorna natural.

PUBLICIDADE

A primeira fase do proxecto que se pechou hoxe é o resultado do convenio asinado en setembro de 2022 entre a Axencia Galega de Infraestruturas e a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Este acordo tivo continuidade ao asinar un novo convenio entre a Xunta e o Concello de Ferrol, que supuxo a división do proxecto global en dúas fases.

O investimento do proxecto "Abrir Ferrol ao mar" supera os 15 millóns de euros.
O investimento do proxecto “Abrir Ferrol ao mar” supera os 15 millóns de euros.

O investimento total, froito da cooperación entre Xunta, Autoridade Portuaria e Concello, supera os 15 millóns de euros. A achega da Xunta de Galicia ascende a 8,83 millóns de euros, dos que 3,11 son provenientes dos fondos MRR – Next Generation.

Pola súa banda, o rexedor ferrolán afirmou que “hoxe Ferrol dá un paso máis para abrir a cidade ao mar, celebramos un momento histórico para Ferrol, un momento que representa un salto xigante cara ao futuro, un paso firme para conectar aínda máis nosa cidade co mar que a viu nacer e crecer”.

Nestes momentos o Concello de Ferrol xa conta co plan director de Abrir Ferrol ao Mar e o proxecto básico e de execución, en fase de revisión. O seguinte paso será a licitación das obras, que “esperamos que sexa este ano”, apuntou Rey Varela. “Este proxecto rondará os cinco millóns de euros e poderá levarse a cabo gracias ao compromiso firmado co presidente Rueda en decembro do 2023”.

ACTUACIÓNS NO PORTO

O alcalde de Ferrol tamén amosou a súa satisfacción polas actuacións realizadas na fachada marítima, que contaron cun investimento de 4,6 millóns de euros, financiados pola Axencia Galega de Infraestruturas (3,8 millóns) e a Autoridade Portuaria (800.000 euros).

Dentro das melloras realizadas, como unha senda peonil e o carril bici, hai que engadir a apertura dun novo estacionamento que ofrece 161 prazas que se suman ás 101 que se habilitaron no verán ao carón da factoría de Subsistencias da Armada e 19 prazas habilitadas na rúa que une a estrada alta coa baixa. En total, 281 prazas novas e gratuítas.

A apertura de Ferrol ao mar dará continuidade ás actuacións de mobilidade sostible prolongándoas no tramo entre a zona portuaria de Curuxeiras e a ensenada de Caranza, onde conecta con infraestruturas de mobilidade sostible existentes. Tamén na fronte limítrofe coas instalacións do Arsenal Militar, Navantia, a Escola de Especialidades da Armada, e a fronte cara a ensenada de Caranza, cos barrios de Ferrol Vello, A Magdalena, Esteiro, Telleiras e Caranza, cunha lonxitude global de actuación duns catro quilómetros.

Xunto coas infraestruturas existentes, conformarán unha franxa continua de máis de 10 quilómetros de lonxitude no contacto da cidade co mar, entre A Graña e As Pías, cunha mellora integral da mobilidade, da accesibilidade universal e da infraestrutura verde, ademais de acadar unha rexeneración urbana cualitativa da cidade de Ferrol no seu conxunto.

APOSTA POLA VIVENDA PÚBLICA

Durante a súa intervención, Alfonso Rueda tamén sinalou a Ferrol como “exemplo de concello que está colaborando coa Xunta para poder ter o que necesitamos para facer vivendas públicas”, en relación á dispoñibilidade do chan ou a coordinación administrativa en materia de licencias.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.