PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Luz verde á aprobación inicial do orzamento para 2025 de Ferrol

PorBisbarra

Venres, 29 Novembro 2024 ,
Imaxe do pleno de Ferrol, onde se deu o aprobado inicial aos orzamentos de 2025.Imaxe do pleno de Ferrol, onde se deu o aprobado inicial aos orzamentos de 2025.

O pleno do Concello de Ferrol deu luz verde á aprobación inicial do orzamento para o exercicio 2025, que se ascende a 91.914.004,72 euros. Trátase dunha cifra parella á das contas do 2024. Segundo o Executivo local, “permitirá que Ferrol se dote dunha estabilidade orzamentaria”. A aprobación das contas saíu adiante cos votos a favor do Goberno local popular, mentres que PSOE, BNG e FeC votaron en contra.

Trátase do terceiro orzamento no que vai de mandato, cumprindo “o compromiso dado á cidadanía de aprobar un orzamento cada ano”, explicou a concelleira de Facenda, Susana Sanjurjo. Así mesmo incidiu en que “dará continuidade aos compromisos firmes orzamentarios doutras administracións, como o convenio con Defensa, Abrir Ferrol ao mar, a Cidade do deporte e o saneamento da zona rural”.

No ano 2023 o Executivo local defendeu unha planificación plurianualizada ata o 2027. No ano 2024 contempláronse 21.407.470,57 millóns de euros de investimento. Para o 2025 destinaranse 16.622.253,46 millóns de euros e inclúe un crédito de 8,8 millóns de euros.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Sanjurjo destacou que o orzamento “seguirá blindando o gasto social, incrementando un 4% o investimento en políticas de benestar”. Ademais, “aumentarase un 3% o gasto de persoal municipal; e cultura, educación, deporte e turismo crecerán un 61%”. Tamén os servizos do día a día e o coidado da cidade aumentarán un 24,28%, mentres que a alcaldía descenderá un 3,39%.

ÚLTIMOS ORZAMENTOS

No ano 2023 o Goberno encabezado por José Manuel Rey Varela aprobou un orzamento de 78.865.879,85 euros, incrementando un 21,30% o orzamento inicial prorrogado do 2023 e un 20,87% respecto do orzamento inicial prorrogado do 2022. No presente exercicio saíron adiante unhas contas de 92.183.850,82 euros, a cifra máis alta da historia de Ferrol e que supuxo un incremento do 16,89% con respecto ao orzamento aprobado no 2023. O orzamento do 2025, moi parello ao actual, dará continuidade “aos proxectos de cidade”, destacou o Goberno local.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.