O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a concelleira de Facenda, Susana Sanjurjo, presentaron o orzamento do 2025, que ascende a 91.914.004,72 euros. Tras a aprobación pola xunta de Goberno local, o rexedor declarou que “este goberno está cumprindo co obxectivo marcado de dotar a Ferrol dunha estabilidade orzamentaria anual, presentamos o terceiro orzamento do mandato, cumprindo co obxectivo legal dun orzamento cada ano”. Así mesmo, insistiu en que “o orzamento é o principal instrumento da administración para o desenvolvemento das políticas públicas”.
TERCEIRO ORZAMENTO EN 17 MESES
No ano 2023 o Concello de Ferrol comezou cunha senda de estabilidade orzamentaria, asegurou o rexedor, aprobando un orzamento de case 79 millóns de euros, un 21,30% máis que o orzamento inicial prorrogado do 2023. Neste ano 2024, aprobouse un orzamento de máis de 92 millóns de euros, a cifra máis alta da historia de Ferrol, supoñendo un incremento do 16,89% con respecto ao orzamento aprobado no 2023.
Segundo avanzou Rey Varela, o orzamento do 2025 dará continuidade aos compromisos firmes orzamentarios doutras administracións, como o convenio con Defensa, Abrir Ferrol ao mar, a Cidade do deporte e o saneamento da zona rural.
Co obxectivo de cumprir os proxectos comprometidos, no ano 2023 asignáronse 10,3 millóns de euros que permitiron comezar a traballar nas actuacións comprometidas e realizar unha planificación plurianualizada ata o ano 2027. No ano 2024 contempláronse 21.407.470,57 millóns de euros de investimento. Agora, para o 2025 destinaranse 16.622.253,46 millóns de euros e inclúe un crédito de 8,8 millóns de euros. “Grazas a estes tres orzamentos, no ano 2025 teremos en licitación os grandes proxectos de transformación da cidade cun investimento de máis de 40 millóns de euros para a súa execución nos vindeiros anos”, revelou o alcalde ferrolán.
Así mesmo, o rexedor lembrou a creación da nova oficina de fondos europeos, coa que se pretende reducir o endebedamento que blinda os proxectos no horizonte de 2027, antes de que acabe este mandato. Ademais, tamén espera que o novo departamento de Inspección permita igualar ingresos correntes e gastos correntes e reducir a carga fiscal antes de que remate o mandato en 2027.
O orzamento do 2025 seguirá blindando o gasto social, xa que se incrementa un 4% o gasto en políticas de benestar. Ademais, increméntase un 3% o gasto de persoal municipal; cultura, educación, deporte e turismo crecen un 61%. Tamén os servizos do día a día e o coidado da cidade crecen un 24,28%, mentres que a alcaldía descende un 3,39%.
CAPÍTULO DE INGRESOS
A concelleira de Facenda avanzou que na redacción do orzamento de 2025 tivéronse que buscar solucións de cara ao equilibrio das contas públicas. Así revelou que para a realización do orzamento fíxose fronte a dous novos retos: “Equilibrar este orzamento coas regras fiscais e facer fronte ao preocupante sistema de ingresos que existe actualmente, aprobando novas ordenanzas fiscais”.
Ante estas circunstancias, o Goberno local adoptou a decisión de actualizar un único imposto de cara a facer fronte aos retos que se presentan no 2025. Actualízase o IBI e conxélanse todos os demais impostos municipais (IAE, ICIO, rodaxe e plusvalías) e as taxas. “Esperamos acelerar a recuperación económica para contar con máis contribuíntes e reducir a presión fiscal os próximos anos”, confirmou Sanjurjo. Mantense a bonificación do 95% e a exención tributaria ata 30.000 euros na plusvalía nos casos de herdanzas para a vivenda habitual.
Estes orzamentos recollen tamén os ingresos que, en materia de abastecemento e saneamento, contemplan os orzamentos da empresa xestora do ciclo da auga. Segundo lembrou a edil, é imprescindible tendo en conta a situación de extrema dificultade económica na que o Goberno local atopou a dita empresa. Neste sentido, acumulaba perdas por valor de 6.626.354,49 euros tras a inacción dende 2016.
No tocante ás transferencias correntes, para o ano 2025 increméntanse as achega procedentes da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado ata os 27.156.900,28 euros no ano 2025.
En canto aos ingresos patrimoniais, as expectativas mantéñense en cifras similares ás calculadas para o 2024, aumentando en 6.585 euros ata chegar aos 2.387.760,61 euros orzamentados.
No capítulo de transferencias de capital e ingresos financeiros, orzaméntase acadar a cifra de 7.240.848,62 euros, procedentes de Fondos Next Generation e dos convenios asinados entre o Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia.
CAPÍTULO DE GASTOS
A concelleira de Facenda lembrou a reorganización municipal iniciada no 2023. No último ano incrementouse en 25 traballadores o cadro de persoal municipal, cifra que “seguiremos aumentando no 2025 para facer realidade os grandes proxectos de transformación da cidade”. Ademais, completouse a estabilización de 103 persoas. Este mes o 95% do persoal quedará xa estabilizado e o 5% restante o mes que vén.
Para o 2025 destinaranse a gastos de persoal 23.725.168,54 euros, un incremento do 3% que permitirá dar cobertura a prazas que ata o de agora non contaban coa necesaria dotación orzamentaria e para reforzar áreas como deportes, servizos sociais, cultura…
A regularización de servizos iniciada no ano 2023 e continuada no ano 2024 permitiu rebaixar un 5% os recoñecementos extraxudiciais, ocasionados por servizos que se atopaban sen contrato. Así, servizos como o mantemento das zonas verdes, os comedores escolares ou as axudas á dependencia atópanse nestes momentos regularizados ou preto de regularizarse.
Seguindo esa premisa, os gastos correntes en bens e servizos acadan no ano 2025 os 43.865.528,63 euros, un 8,51 % máis que no 2024.
Os gastos financeiros para o 2025 increméntanse ata os 497.500 euros consecuencia do inicio do aboamento do préstamo solicitado no ano 2021. No relativo ás transferencias correntes suman 5.337.490,35 euros, segundo o establecido no Plan Estratéxico de Subvencións e no Anexo de Subvencións aprobados polo pleno do Concello de Ferrol.
Os investimentos para a transformación da cidade iniciada no ano 2023 e seguido no 2024 ten a súa continuidade nos orzamentos do 2025, acadando os 16.622.253,46 euros, grazas á colaboración e á corresponsabilidade con administracións como a Xunta de Galicia.
As transferencias de capital para o ano 2025 mantéñense nos 21.325 euros.
Os activos financeiros do Orzamento Xeral do Concello de Ferrol para o 2025 seguen sendo 300.000 euros, como no último orzamento aprobado. Finalmente, os pasivos financeiros descenden a 1.544.738,74 euros, segundo estimación da amortización de préstamos vivos realizada pola Tesourería municipal.
PROXECTOS A EXECUTAR EN 2025
No 2025 comezarán as obras de Abrir Ferrol ao mar, un proxecto de máis de 15 millóns de euros que, tras a súa finalización na zona portuaria, o ano que vén continuará por A Magdalena, Esteiro e Caranza.
Están previstas tamén as obras do proxecto de urbanización interior do Sánchez Aguilera e reurbanización da súa entorna, que permitirá a unión dos barrios de Canido, A Magdalena, Santa Marina, Ensanche A para poñer a disposición da cidadanía novas zonas verdes, novos aparcamentos e novos equipamentos. Así mesmo, o Goberno local confía en seguir dotando de vivenda pública e avanzar coa construción da estación intermodal.
Ademais, iniciáranse as obras do proxecto da Cidade do deporte, que conta con 18 millóns de euros. Están previstas tamén outras actuacións como a modernización da administración electrónica, dotación de novos vehículos para a Policía, bombeiros, Protección Civil e servizos, novas inversións en edificios municipais e mellorar as instalacións dos bombeiros e da policía.
En 2025 Ferrol contará co primeiro parque cuberto da cidade, así como un parque con xogos de auga en A Malata. Está prevista a eliminación dos tapóns nas rúas Penas de Guitín en Catabois, Muíño do Vento en Canido e o da rúa Adolfo Ros en Ultramar. Levarase a cabo a renovación da rúa Rubalcava e mellorarase a accesibilidade nas rúas Sao Paulo, Padre Feijóo e Armada Española e nas vivendas de Recimil, xunto á rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética no edificio da rúa Ares.
“O próximo ano finalizarán os procesos de compra iniciados para seguir mellorando o noso tecido social e asociativo, como é o caso dos veciños de Ultramar ou de San Xoán”, aseverou Rey Varela. E tamén comezarán as obras de rehabilitación do edificio do Bambú Club e a reforma do Centro Cívico de Caranza. Así mesmo, realizaranse melloras no teatro Jofre e no Torrente Ballester e en todos os pavillóns deportivos dos CEIPs. A maiores, preténdese cumprir co compromiso de poder facer realidade o Museo de Ferrol.
Por terceiro ano consecutivo, no orzamento está consignada a partida de investimentos nas distintas parroquias do rural, por un importe de 1,5 millóns de euros para mellorar a calidade de vida destes veciños. Nesta liña, licitaranse as obras do saneamento no rural, un proxecto pluarianualizado cun investimento de 13 millóns de euros.