PUBLICIDADE

Doval esixe á Deputación que desbloquee o convenio para a remodelación da avenida Grabanxa

PorBisbarra

Mércores, 29 Xaneiro 2025 , ,
Foto de arquivo en pleno de Alex Doval.

O Grupo Municipal Popular de Oroso presenta no pleno deste xoves unha moción para esixir á Deputación Provincial da Coruña que desbloquee o convenio necesario para executar a remodelación da Avenida da Grabanxa. O proxecto, clave para a modernización e seguridade desta vía, leva meses paralizado por falta de resposta da Deputación, malia os esforzos do alcalde, Alex Doval, por axilizar a tramitación.

Desde a chegada do actual goberno municipal en 2023, a corporación traballa para que esta obra se faga realidade. O pasado 5 de marzo de 2024, celebrouse unha reunión entre o Concello e a Deputación na que se acordou a vía para executar o proxecto. Con todo, meses despois, a Deputación segue sen enviar un convenio viable, a pesar das reiteradas solicitudes de documentación e dos intentos do Alcalde por desbloquear a situación

A moción do Grupo Popular insta a que a Deputación remita de inmediato un convenio que permita licitar e executar as obras coa incorporación do financiamento comprometido por Augas de Galicia. Este organismo xa asegurou a súa disposición para sufragar a parte que correspondería ao Concello de Oroso, o que permitiría que a Deputación se encargue da execución da humanización da Avenida da Grabanxa, unha das actuacións máis necesarias para a mellora da infraestrutura municipal xa acordada con executivo anterior do PSdG-PSOE.

PUBLICIDADE

O portavoz do Grupo Popular, Alex Doval, denuncia que “resulta incomprensible que a Deputación da Coruña non saque adiante este proxecto, que forma parte dun compromiso non comigo senón cos veciños, mentres Oroso segue esperando por unha mellora fundamental”. Ademais, recalca que “tras meses de chamadas sen resposta e cartas ignoradas, é inadmisible que un organismo provincial actúe con tal falta de lealdade institucional”.

Doval tamén destaca que “resulta inexplicable que, tendo un concelleiro e deputado provincial de Oroso no goberno da Deputación, como é Antonio Leira, este permaneza impasible ante unha situación que prexudica directamente aos seus propios veciños. Non entendemos como pode actuar en contra dos intereses xerais do municipio ao que representa”.

O Grupo Municipal Popular solicita que, unha vez validado o convenio polo Concello e por Augas de Galicia, se leve a súa aprobación ao seguinte pleno da Deputación e se liciten as obras de inmediato.

Con esta moción, o Grupo Popular de Oroso reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas municipais e con defender os intereses dos veciños fronte á inoperancia da Deputación Provincial da Coruña.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.