O Concello de Fene licitou por 88.200 euros o servizo de limpeza e roza das marxes das vías e camiños municipais nas oito parroquias do municipio. O contrato ten unha duración dun ano, prorrogable por outro máis. Xa está en execución cos primeiros traballos en Sillobre e proseguirá nas demais parroquias ao longo das vindeiras semanas.
As tarefas inclúen a roza e limpeza de marxes viarias nun ancho de tres metros a cada lado da calzada, mediante medios mecánicos e manuais; a retirada de especies vexetais invasoras e a eliminación de vertedoiros incontrolados ou acumulacións de biomasa vexetal que poidan obstruír os sistemas de drenaxe superficial. Ademais, podaranse as árbores que invadan a vertical da calzada a un mínimo de catro metros da rasante.
En total está prevista a actuación sobre 210 quilómetros de vías, con dúas rozas anuais, supoñendo a limpeza de 420 quilómetros. As intervencións realízanse mediante brazos rozadores articulados instalados en tractores. Onde non sexa posible empregar medios mecánicos, empregarase maquinaria e ferramentas manuais.
A concelleira de Servizos, Sandra Permuy, destacou que “o servizo chega no momento axeitado, cunha primavera de gran crecemento vexetal, e serve para mellorar a seguranza viaria, evitar a propagación de incendios e manter limpas as vías municipais”. Engadiu ademais que “a limpeza e mantemento das marxes viarias é unha prioridade para o Goberno local, tanto por motivos ambientais como pola mellora da calidade de vida da veciñanza”.
Con esta licitación, o Concello de Fene reforza os traballos de conservación e prevención en todo o territorio municipal, apostando pola seguridade, a eficiencia e o respecto polo medio.