O pleno do Concello de Ferrol aprobou por unanimidade a proposta para declarar de especial interese a construción do EI3. Trátase do edificio de investigación e innovación na industria da Universidade da Coruña. Estaría situado na Avenida de Esteiro, mazá 8 C. Así, a concelleira de Facenda, Susana Sanjurjo, sinalou que “trátase dun proxecto fundamental para o campus de Ferrol, que servirá para potenciar a investigación e a innovación”.
A Universidade da Coruña en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, redactou o proxecto para a construción deste edificio. O promotor é o Vicerreitorado de Infraestruturas e Sostibilidade da Universidade da Coruña.
A posta en marcha deste edificio permitirá fomentar a investigación aplicada e a transferencia tecnolóxica nun campus consolidado como un referente en investigación e desenvolvemento industrial. Así mesmo, atraerá e reterá talento. Neste sentido, as infraestruturas modernas e especializadas en investigación industrial supoñen un polo de atracción para investigadores de alto nivel. Ademais, reteñen talento local, contribuíndo ao desenvolvemento económico e social da cidade.
“Este edificio será esencial para fortalecer a colaboración entre a docencia e a industria, para fomentar a transferencia de tecnoloxía e contribuír ao desenvolvemento económico e social de Ferrol e da súa comarca”, subliñou a concelleira. A responsable de área de Facenda e Patrimonio concluíu afirmando que o Goberno local seguirá apostando pola investigación.
CEIP CRUCEIRO DE CANIDO

Ademais, o pleno da corporación aprobou unha declaración institucional como respaldo á preocupación amosada por membros da ANPA do CEIP Cruceiro de Canido en relación coa actual situación de escolarización do centro.
Deste xeito, o Concello insta á Consellería de Educación ao desenvolvemento de dúas liñas de Educación Infantil en dito centro, tendo en conta que as solicitudes de escolarizaicón para o vindeiro curso ascenden a 35 peticións.