PUBLICIDADE

Frades celebra o anuncio do Consello da Xunta da mobilización de 600.000 euros para ampliar a potabilizadora de Ponte Carreira

ETAP de Frades

O Concello de Frades celebra o anuncio realizado onte polo Consello da Xunta de Galicia de que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático prevé tramitar este mes de xuño o acordo para a ampliación da estación de tratamento de auga potable (ETAP) do municipio, emprazada no lugar de Ponte Carreira. Un proxecto que conta “con orzamento comprometido” que ascende a “uns 600.000 euros”, segundo detallou onte mesmo o Goberno Autonómico.

O concelleiro de Medio Rural de Frades, Manuel Ferreiro, amosou a súa satisfacción por este anuncio toda vez que “o Concello de Frades xa recibiu hai un par de meses o borrador do convenio de colaboración e tan so estamos pendentes do visto bo da Consellería para proceder á sinatura do convenio de colaboración”. Unha obra moi necesaria para a veciñanza de Frades pois, tal e como sinala a Xunta de Galicia, a “estación de tratamento de auga potable de Frades está ao límite da súa capacidade”.

Neste sentido, Manuel Ferreiro sinala que “os filtros da ETAP teñen que estar traballando as 24 horas do día para poder satisfacer a demanda existente no Concello. Unha situación que fai que sexa practicamente imposible levar a cabo calquera tipo de mantemento, preventivo ou correctivo, nas instalacións”. A ETAP de Ponte Carreira capta un volume de auga diario de 404 m3, sendo a súa capacidade máxima de tratamento de 432 m3.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.