O portavoz adxunto do Grupo Popular, José Manuel Barreiro, lamenta que o Goberno central “non se comprometeu co financiamento de Altri”, tras escoitar o devandito polo ministro de Industria, Jordi Hereu, hoxe no Pleno do Senado.
Barreiro pronúnciase así na súa pregunta ao ministro de Industria e Turismo sobre a posición do Goberno de Sánchez con respecto á instalación da planta en Palas de Rei. “Cal é a postura do Goberno neste asunto?”, diríxese ao ministro, quen dixo que ‘coincide plenamente coa posición do PSOE en Galicia’. “E a posición do líder do Partido Socialista en Galicia, manifestada o 16 de decembro do ano pasado, di literalmente que trasladou a súa convicción de que o proxecto de Altri non contará con financiamento do Goberno do Estado”, recalca Barreiro.
Igualmente, o dirixente popular lembra que, en agosto de 2024, a vicepresidenta Yolanda Díaz, dicía literalmente: ‘o meu compromiso como vicepresidenta do Goberno é loitar contra a localización e desenvolvemento deste proxecto’.
“Vai tramitar a autorización a Bruxelas para poder dar un financiamento singular a este proxecto, si ou non?”, volve preguntar Barreiro a Hereu, tras o que demanda ao ministro que “explique por que se lle piden máis esixencias máis a este proxecto que a outros?”. Pídeselle máis porque está en Galicia e en Galicia o Partido Socialista está onde está”, apostila Barreiro, quen se mostra convencido de que “vai continuar aí – na oposición- moito tempo”. Na súa intervención, o senador do PP por Lugo sinala que “o principio de seguridade xurídica constitúe un dos piares fundamentais do Estado de dereito”, tras o que asegura que iso se traduce en que, á hora de analizar determinados proxectos, para dar esa seguridade xurídica, “deben de ser os criterios técnicos e tamén os técnicos como responsables de aplicar a norma os que determinen ou non a súa viabilidade”.“No caso que nos ocupa, no caso do proxecto de Altri e a súa localización en Palas de Rei, na provincia de Lugo, non está a ocorrer por parte de determinadas forzas políticas, entre elas a que ampara ao Goberno ao que vostede pertence”, diríxese Barreiro ao ministro.
OS SOCIALISTAS FALAN DE “FÁBRICAS DE MENTIRAS”
O senador do PSdeG César Mogo censurou que o Partido Popular insista en “manter en marcha a “fábrica de mentiras” dos senadores Balseiro e Barreiro, con terxiversacións que despois ambos tratan de espallar a través de iniciativas parlamentarias”. O socialista criticou que “no pleno desta tarde intentasen, mediante unha pregunta ao Goberno, de enredar sobre a situación de Alcoa”.

Mogo indicou que “ o Goberno mantén o compromiso firme coa planta da Mariña lucense. Explica que “por ese motivo, artellou unha solución ao problema das instalacións de renovables, dando prioridade nos concursos de acceso á rede aos proxectos que teñan un avanzado estado de tramitación”. Por outra banda, dixo Mogo que “as compensacións por emisións de CO2 para a industria eleváronse ata os 600 millóns de euros, medida que tamén afecta a Alcoa, e España está a ofrecerlle ao sector neste momento “a enerxía máis competitiva de Europa”.