PUBLICIDADE

Oito concellos e 300 persoas mobilízanse en Vilasantar e Curtis polo futuro do Grupo Losán

Oito Alcaldías da contorna unen forzas polo futuro do Grupo Losán.Oito Alcaldías da contorna unen forzas polo futuro do Grupo Losán.

Pese á intensa choiva, unhas 300 persoas marcharon dende as instalacións da empresa Aserpal, no Concello de Vilasantar, ata Industrias Losán, no de Curtis. Percorreron os 2,5 quilómetros para protestar pola situación do Grupo Losán, que debe ao cadro de persoal tres nóminas; as de novembro, decembro e a extra de Nadal.

O comité de Industrias Losán esixiu unha solución urxente á falta de pagamento que afecta a 200 familias, así como un plan de viabilidade que asegure a continuidade das plantas. Para isto, reclaman a colaboración da SEPI e a banca acredora. Segundo o presidente do comité, Xosé Anxo Sánchez, a empresa reuniuse coa Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), que no seu día inxectou 35 millóns de liquidez ao conglomerado empresarial especializado en derivados da madeira.

A marcha iniciou nas instalacións de Aserpal, en Vilasantar, e rematou en Industrias Losán, en Curtis.
A marcha iniciou nas instalacións de Aserpal, en Vilasantar, e rematou en Industrias Losán, en Curtis.

Os representantes dos traballadores piden á SEPI e á banca acredora que se dea por “amortizada” a débeda de máis de 200 millóns de euros. Tamén reclamaron respostas sobre a demora na entrada no capital dun grupo investidor cuxo desembarco leva pendente desde hai meses. Asemade, alertaron de que co constante goteo de saídas de traballadores “estase debilitando de maneira silenciosa pero irreversíbel a capacidade real do grupo para retomar a actividade produtiva”, o que pon en risco miles de empregos en toda España.

PUBLICIDADE

A protesta non se reduciu á mobilización en Vilasantar e Curtis, senón que se repetiu ante todos os centros de traballo que o grupo ten en diferentes comunidades españolas. Non obstante, a marcha galega estivo respaldada por membros das corporacións locais dos municipios da contorna e pola veciñanza. Neste sentido, gran parte do comercio local da zona pechou en sinal de solidariedade para sumarse á protesta.

OITO CONCELLOS UNEN FORZAS POLO RESCATE DE LOSÁN E ASERPAL

Os rexedores de Curtis, Vilasantar, Mesía, Sobrado, Oza-Cesuras, Boimorto, Melide e Irixoa asinaron un manifesto conxunto en defensa dos postos de traballo das fábricas do grupo Losán nos Concellos de Vilasantar e Curtis. Así pois, instan ao Consello de Administración a presentar un plan de reactivación real e reclaman á Xunta e ao Estado que garantan a viabilidade dunha empresa “estratéxica para o rural galego”. Asemade, os rexedores reclaman a reactivación urxente da actividade produtiva e o pago inmediato das nóminas pendentes.

Os mandatarios locais subliñan se trata dunha “emerxencia territorial”, xa que está a afectar a 200 empregos directos na zona de Curtis e Vilasantar. Neste senso, o peche ou a degradación destas plantas suporía un “golpe irreversible” para a economía do interior da provincia e un fracaso nas políticas de loita contra o despoboamento.

O manifesto conxunto recolle unha esixencia clara á dirección e ás administracións e pon o foco en dous niveis de responsabilidade. Por unha banda, ao Consello de Administración de Losán. Neste caso, os alcaldes esixen a presentación, “á maior brevedade posible”, dun plan de reactivación industrial que vaia máis alá de parches temporais. Subliñan que o problema da empresa é de xestión e tesourería, non de falta de mercado, xa que a madeira é un sector con alta demanda e futuro.

Pola outra banda as Alcaldías instan a SEPI e o IGAPE a intervir de xeito coordinado, apelando ao Goberno central e autonómico. Así, reclaman que se utilicen os mecanismos de apoio a empresas estratéxicas para garantir o circulante necesario que permita volver producir ao 100%.

Baixo o lema “Salvar as fábricas do grupo Losán é salvar o noso rural”, os alcaldes dos oito municipios fan un fronte común. Destacan que “por cada emprego directo en Losán, hai catro familias na nosa comarca que dependen indirectamente do transporte ou do monte. Non imos quedar de brazos cruzados mentres o noso motor económico se detén por unha xestión financeira inviable”.

Os rexedores coincidiron en que a unidade de acción é “total e absoluta”, independentemente das cores políticas e das bandeiras, xa que o benestar de centos de veciños de toda a área de influencia está en xogo.

O documento asinado remiteuse de xeito inmediato ao Presidente do consello de administración da empresa e aos Ministerios de Industria e Economía, á Sepi, o Igape e a Consellería de Economía e Industria como medida de presión para desbloquear o conflito social e laboral.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.