O certame Santiago(é)tapas contará nesta edición con 48 locais participantes, seis máis que o ano pasado, e un total de 73 petiscos que se poderán degustar do 19 de febreiro ao 8 de marzo
O XVII Santiago(é)tapas, que se desenvolverá do 19 de febreiro ao 8 de marzo, botou a andar onte no Mercado da Praza de Abastos de Compostela, coas probas de preselección. Nesta nova edición, e tras unha incorporación de última hora, participarán un total de 48 locais, seis máis que o ano pasado, e 13 deles que non se presentaron ao concurso no 2025.
Os establecementos hostaleiros participantes neste XVII Santiago(é)Tapas ofrecerán durante case tres semanas un total de 73 propostas, cinco máis que na edición anterior. A iniciativa, organizada e promovida por Turismo Santiago e encadrado dentro da marca Compostela Gastronómica, conta co apoio da Deputación da Coruña.
Durante estes días o Xurado Técnico do certame de tapas está a avaliar as receitas e degustando os petiscos para seleccionar os que finalmente participarán no certame, e que poderán degustar a veciñanza e os visitantes, e puntualos, a partir do 19 de febreiro.
Os asistentes a este acto de presentación e primeiras probas de selección pudieron degustar a elaboración de La Bodeguilla de Santa Marta, un dos locais rexentados por Javier Míguez, hostaleiro compostelán que nunca faltou á cita co Santiago(é)tapas.
A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, visitaron onte a Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos de Santiago, na que se están a desenvolver as probas de preselección das tapas. Durante a visita, tamén interviron a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, a xerente da Praza, Marta Rey, e o coordinador do Xurado Técnico, o profesor do CIFP Compostela, Xosé Quintáns.



