O Pleno do Concello de Teo, correspondente ao mes de novembro, debaterá hoxe os orzamentos para o vindeiro ano 2025, que se sitúan nos 18,5 millóns de euros. Uns orzamentos realistas que volven a poñer especial atención no arranxo das vías e das infraestruturas municipais cunha partida específica.
Así, os orzamentos para 2025 están baseados nas necesidades da veciñanza pero sempre mantendo o principio de prudencia e estabilidade e xestionando os cartos públicos con criterio, racionalizando os gastos tal e como se fixo no presente exercicio.
De feito, o consumo de combustible de automóbiles, que rondaba os 90.000 euros anuais co anterior Executivo pasou neste 2024 aos 49.000 euros, é dicir, un aforro do 45,5%. Ou o cambio de luminarias a LED, aínda en proceso, o que permitirá tamén un abaratamento dos custos na iluminación pública do concello.
Ademais, este novo presuposto non terá o lastre do Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC) ao que tivo que facer fronte o Goberno local nos presentes orzamentos 2024, onde houbo que destinar preto de 900.000 euros ao pago de máis de 1.200 facturas pendentes de cobro e que non contaban consignación económica. Agora, as arcas municipais van encarriladas e pretenden centrarse nas necesidades e demandas da veciñanza.
Por iso, mantendo a senda dos actuais orzamentos, en 2025 están consignados 2,6 millóns de euros para o arranxo da rede viaria e infraestruturas de titularidade municipal, unha suba de 1,1 millóns de euros con respecto aos orzamentos de 2024.
Neste senso, o Goberno local ten claras as prioridades en materia de infraestruturas e xa ao longo do ano 2024 foi quen de arranxar máis dunha vintena de estradas municipais, incluíndo a humanización de varios núcleos. A isto cómpre engadir a dotación de aparcadoiros municipais -sen custo para as arcas do Concello-, o cambio integral na cuberta do pavillón municipal dos Tilos e as actuais reformas da Casa Común de Santa María de Teo e a sede da Policía Local, as cales verán melloradas a eficiencia enerxética.
Así mesmo, realizáronse actuacións para a ampliación e modernización da rede de sumidoiros, así como outras obras de infraestruturas básicas que procuran a mellora da calidade de vida da veciñanza, tal e como se está levando a cabo en Mazas, coa rede de pluviais, ou no Ferreiriño, coa primeira fase da rede de sumidoiros, entre outros.
Doutra banda, ao igual que en 2024, os impostos municipais permanecerán conxelados sen subas, xa que o incremento do Imposto de Ben Inmoble (IBI) é consecuencia dunha revisión catastral allea ao Concello, polo que o Goberno local manterá a súa porcentaxe de recadación. Porén, debido a que o Goberno de España aprobou o pasado ano a Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que afecta a domicilios particulares e locais, o dito imposto de recollida de residuos verase afectado, aínda que o Concello de Teo tratará de atrasar todo o posible a suba prevista.
SERVIZOS SOCIAIS
En materia de Servizos sociais En materia de servizos sociais, as novas contas reforzan o gasto do Servizo de Atención Familiar e Temperá, incrementando tamén as prazas no servizo ofrecido por Agadea para as persoas con alzhéimer. De feito, acaba de aprobarse o novo convenio do Servizo de Atención Temperá para o período comprendido entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2026.
Por iso, o Concello de Teo ten moi clara a importancia do departamento de Servizos Sociais, consignándolle un orzamento de 3,57 millóns de euros -un 8%máis ca en 2024-, o que representa preto do 20% do orzamento global do Concello. No tocante á conciliación, cómpre destacar que ningún neno de Teo quedará fóra das actividades de conciliación, sempre que cumpran os requisitos de admisión, tal e como se fixo neste ano 2024. Así mesmo, ampliouse a oferta formativa para grandes e pequenos, incrementando os obradoiros e o número de prazas e, no 2025, ofertarase tamén un novo curso de galego.
REFORZO EN PERSOAL
Así mesmo, en canto a persoal municipal, vaise incrementar o número de traballadores no vindeiro ano 2025 dada a actual carga de traballo e os proxectos a medio e longo prazo que o Concello ten previstos abordar. Neste senso, atendendo aos criterios de seguridade cidadá, vanse incrementar as prazas no corpo da Policía Local. Do mesmo xeito, vaise incrementar un posto no Servizo de Urbanismo, en Contratación, na Secretaría Xeral, en Intervención e no departamento de Informática. Tamén se contempla seguir coa estabilización do persoal, dando así cumprimento á lei estatal.
Ademais do incremento salarial previsto para o ano 2025, e dependente da aprobación dos orzamentos do Estado, o Concello de Teo tamén consigna unha partida para o Fondo de Acción Social, onde van fondos tanto para o persoal laboral como funcionario, incluíndo tamén os traballadores subrogados.
CULTURA, TURISMO E COMERCIO
Para o 2025, os orzamentos municipais manteñen o seu compromiso claro e firme coa cultura, o coidado do patrimonio, o turismo e o comercio, con accións de promoción e unha axenda anual repleta de actividades de gran interese para a cidadanía. Así, para os orzamentos en materia cultural, a cifra aumenta ata os case 700.000 euros, onde entran conceptos como a propia restauración do patrimonio arquitectónico. A partida de turismo e comercio chega case aos 270.000 euros, cos que se pretende intensificar as actuacións para a promoción turística e poñer en valor o comercio local teense.