Domingo. 30.06.2024
Cun investimento de 28 millóns de euros, conecta a AP-9 coa A-54 e facilita o acceso ao aeroporto

Entra en servizo en Santiago o enlace orbital para desconxestionar os accesos á Sionlla e Costa Vella

Pola esquerda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, o secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible, José Antonio Santano, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a subdelegada do Goberno, María Rivas, durante a inauguración do orbital en Compostela
Pola esquerda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, o secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible, José Antonio Santano, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a subdelegada do Goberno, María Rivas, durante a inauguración do orbital en Compostela

Santiago conta por fin cunha agardada infraestructura que se retrasou más do desexable. Trátase do enlace orbital, situado sobre a autoestrada AP-9, e chamado entre outras cousas a desconxestionar os accesos aos polígonos industriais da Sionlla e Costa Vella. Tamén mellorará a conectividade co aeroporto internacional Rosalía de Castro, ao tempo que conecta a AP-9 coa A-54 (a autovía entre Compostela e Lugo) á altura do núcleo poboacional de San Marcos.

Á inauguración asistiron o secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible, José Antonio Santano, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a subdelegada, María Rivas, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Santano explicou que o vial, no que foron investidos máis de 28 millóns de euros, suporá “un maior atractivo para a cidade, sobre todo no caso das empresas que buscan localizacións con boas conexións para desenvolver os seus negocios”. Tamén, engadiu, optimizará as rutas de viaxe e reducirá a conxestión.

Cabe destacar que se ben a obra non está completamente rematada, os traballos que restan non impiden o seu uso. Queda pendente tamén o chamado orbitaliño.

AUTOVÍA LUGO-SANTIAGO

O secretario de Estado visitou ademais as obras do tramo Palas de Rei-Melide da autovía entre Lugo e Santiago. A A-54, dixo, mellorará a seguridade, a comodidade e os tempos dos tráficos de longo, medio e curto percorrido. Segundo dixo, dos 100 minutos actuais pola N-547 ou os 85 pola A-6 e a N-634, pasarase a 50 minutos pola A-54. Está previsto que o tramo Palas de Rei-Melide estea rematado a finais deste ano.

A nova autovía tamén permitirá mellorar a seguridade viaria na N-547, tanto rodada como peonil, onde actualmente hai importantes tránsitos de peregrinos do Camiño de Santiago, eliminándose a travesía de Melide. As obras no tramo Melide-Arzúa rematarán ao longo de 2025 e suporán a finalización por completo da A-54, na que se terán investidos máis de 700 millóns de euros.

Entra en servizo en Santiago o enlace orbital para desconxestionar os accesos á Sionlla...