Sábado. 29.06.2024

Que a relación entre a dirección do PSOE de Santiago, liderado por Aitor Bouza, e o grupo municipal, con Gonzalo Muíños ao seu frente, non é boa, non é un segredo para ninguén. A mala sintonía púxose de manifesto cando negociaron co BNG os orzamentos de Compostela para 2024, e resultou máis que evidente o pasado 24 de xuño a propósito da votación da nova ordenanza do Bloque sobre as vivendas de uso turístico (VUT).

A dirección local do PSOE fixo un argumentario xustificando a abstención, e iso foi o que lle pediu aos seus edís en Raxoi. Entre os dez motivos esgrimidos por Aitor Bouza para convencer aos seus figuraba que a norma non regula as VUT preexistentes, que non vai dar solución á veciñanza, que non é precisa ou que non tiveron acceso a toda a documentación. 

Chegou o día e, por “lealdade, compromiso e coherencia”, os concelleiros do grupo municipal racharon a disciplina de voto e apoiaron a ordenanza. No seu turno de palabra, Mercedes Rosón quixo deixar claro que o estrano sería “non apoiar un texto que aínda sendo un trámite administrativo, é en esencia unha medida socialista”. Sinalou, a piques de botar a chorar en varios momentos da súa intervención, que “absternos porque non nos gustan as formas ten o mesmo valor e o mesmo resultado que votar en contra”.

En opinión de Rosón, o PSOE non podía votar en contra do seu propio proxecto “por tacticismo, por propinarlle unha derrota ao Goberno local. Esta é a política que queremos facer? Que sentido ten todo isto? Este grupo socialista cre que ningún. Por iso, e sendo plenamente conscientes das consecuencias, hoxe decidimos ser leais coa cidade, cos veciños, co que defende o PSOE en España e en Galicia e co que defendemos estes concelleiros que estamos aquí para Compostela”.

Agora, a apertura dun expediente disciplinario e mesmo a expulsión dos edís, están enriba da mesa. Serán os órganos de dirección do PSOE os que tomen a decisión.