Sábado. 29.06.2024

A crise interna no PSOE de Santiago semella non ter tocado fondo. O entendemento entre a dirección local do partido e o grupo municipal parece imposible a estas alturas. Desde que Aitor Bouza asumiu a finais de ano pasado a secretaría xeral do partido en Compostela, os desencontros foron constantes. O último que trascendeu tivo lugar o pasado luns 24 de xuño no pleno extraordinario celebrado no Pazo de Raxoi, coa ordenanza da alcaldesa sobre a regulación de viviendas de uso turístico enriba da mesa. O partido, descontento co trato de Goretti Sanmartín, pediulle aos seus concelleiros e concelleiras que se abstiveran na votación. Os edís, "por coherencia e por lealdade", votaron a favor enfrontándose á apertura dun expdiente disciplinario.

Con esta polémica moi recente, agora comeza a agromar outra, desta volta a propósito da renovación de dous dos catro postos de asesores que traballan co grupo municipal. A dirección local do partido quere substituir á que fora xefa de gabinete do exalcalde Xosé Sánchez Bugallo, Maricarmen Lemos, e ao responsable de Comunicación, José Manuel Diego. Din os de Aitor Bouza que estes relevos xa estaban previstos, pero o grupo municipal non está dacordo en absoluto. Consecuentemente, estamos diante dun novo pulso. Segundo puido saber Bisbarra, un dos nomes que soa como nova asesora do grupo municipal do PSOE en Santiago é a número 2 de Bouza, unha concelleira do municipio ourensán de Coles chamada Laura Requejo González. Resulta cando menos chamativo que unha das persoas chamadas a dar apoio ao grupo municipal de Santiago sexa unha edil dun concello ubicado a 100 quilómetros da capital galega.