Sábado. 29.06.2024

É difícil atopar a alguén no Pino que non saiba quen é Manuel Barreiro Mosquera. Este veciño, de 90 anos, é coñecido como O Padriño entre os músicos porque leva máis de medio século tocando o clarinete e o requinto na Banda de Arca. Na súa honra, o municipio vén de inaugurar o pasado 22 de xuño a Casa da Música Manuel Barreiro Mosquera, cun acto presidido polo propio homenaxeado e polo alcalde, Manuel Taboada.

O espazo vai ser empregado pola Banda de Música como local de ensaio e formación. Tal e como destacou o rexedor durante a inauguración, "desde o Concello queremos ofrecer instalacións onde poidan seguir cultivando o amor pola música entre a mocidade do Pino e de toda a comarca". De feito, o local en cuestión sempre tivo un vínculo coa educación, primeiro como escola unitaria e logo como punto de atención á infancia.

O acto contou coa presenza de numerosos veciños e veciñas, xunto coa presidenta da Asociación Cultural Banda de Música de Arca, Antía Cores, e do seu director, Andrés Pérez.

Manuel Barreiro

Nado o 8 de setembro de 1933, Manuel Barreiro Mosquera “leva a música no seu ADN”, como suliñou o alcalde. O Padriño comezou a súa traxectoria musical aos 14 anos na Banda da Grabanxa, pasando polas Bandas de Senra e Arzúa antes de unirse á Banda de Música de Arca en 1970. Non só destacou como músico tocando o clarinete e o requinto, senón tamén polo seu papel na incorporación de novos membros, incluídos os seus propios fillos e outros veciños.

Nos 54 anos que O Padriño leva na Banda de Arca, estivo sempre atento á batuta de varios directores: Benito Iglesias, Rosendo Mato, Xavier Ces, Ramón Vigo, José María Blanco e tamén do actual, Andrés Pérez. Nos seus primeiros anos na formación, mesmo lle tocou nalgunha ocasión exercer de director.