Sábado. 06.07.2024

Este 2 de xullo foi presentada a Memoria anual de actividades do IDIS, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, correspondente a 2023. No acto participaron o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, o reitor da USC, Antonio López, e o xerente da área sanitaria de Compostela-Barbanza, Ángel Facio. Durante o mesmo púxose de manifesto que o centro logrou captar o ano pasado máis de 52 millóns de euros para levar a cabo proxectos científicos de carácter innovador.

Os fondos foron obtidos en 120 proxectos de ámbito nacional e internacional, 81 axudas de recursos humanos competitivas, así como 277 estudos clínicos e 411 contratos e servizos firmados con outras entidades. Os datos tamén reflicten un total de 16 spin-offs activas, 7 marcas rexistradas e 47 solicitudes de patentes. No tocante á produción científica, o Instituto publicou un total de 1008 artigos, editoriais e revisións o pasado ano.

Gómez Caamaño tamén salientou o alto nivel dos equipos de investigación do IDIS, e a importancia que posúe contar con centros de referencia para reter o talento en Galicia e dese xeito garantir o seu relevo xeracional. Segundo o conselleiro, “a calidade da investigación sanitaria que desenvolve o IDIS pódese medir polo feito de que o 45% dos seus traballos científicos enmarcáronse en grupos de carácter internacional”. Ao seu xuízo, “apostar pola investigación sanitaria é apostar polo futuro da nosa sociedade”.

O dirixente autonómico non quixo deixar pasar a oportunidade de agradecer o labor que desenvolven os máis de 1.300 profesionais cos que conta o IDIS, un capital humano que “é o máis valioso que temos”. Por último, convidou ao conxunto de profesionais a manter a “excelencia en termos de investigación sanitaria”, co obxectivo de lograr uns mellores diagnósticos e tratamentos para o coidado da saúde dos galegos e galegas.