Mércores. 03.07.2024

Este 1 de xullo reuniuse en Ames a Xunta Local de Seguridade, presidida pola subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas, e o alcalde, Blas García. No encontro púxese de manifesto que a taxa de criminalidade do municipio é de 29 delitos por cada 1.000 habitantes, o que significa que está 8 puntos por debaixo da media da provincia da Coruña, e 6 por debaixo da media galega.

Nesa xuntanza detallouse que o nivel de esclarecemento, tanto dos delitos leves como das infraccións penais, mellora con respecto ao ano anterior. Logo de analizar os datos de seguridade cidadá, tanto Rivas como García destacaron o alto grao de eficacia e colaboración dos corpos e forzas de seguridade. Segundo o rexedor, “un concello en continuo crecemento precisa todos os efectivos posibles para garantir a seguridade da nosa veciñanza. A boa sintonía coa Policía Nacional e coa Garda Civil fai posible ampliar a cobertura”.

Por outra banda, a subdelegada do Goberno fixo fincapé en que Ames é un dos 23 concellos plenamente adheridos ao sistema VioGén na provincia da Coruña. O que se persegue con el é establecer unha tupida rede que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio nacional. Rivas detallou que diariamente as forzas e corpos de seguridade traballan de xeito coordinado nos 2.402 casos activos na provincia. Son, dixo, “2.402 vidas condicionadas pola violencia atávica e estrutural que é o machismo, e que precisan do noso esforzo para protexelas a elas e as súas familias. Non debemos darlle as costas aos comportamentos violentos e machistas, debemos denuncialos”.

Rivas animou ao Concello de Ames a seguir traballando na prevención e na concienciación a través da mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero xa constituída, e que tamén existe noutros 39 concellos da provincia.