Mércores. 03.07.2024

O Concello de Oroso ponse mans á obra para resolver o deteriorado estado dalgúns dos viais do polígono industrial de Sigüeiro. En concreto vai pavimentar de novo as rúas Mesía e Curros Enríquez, e a Avenida Álvaro Cunqueiro. O proxecto de mellora ascende a 150.000 euros. A Xunta formará parte activa do mesmo a través dunha liña de financiamento pola que aportará 130.000 euros.

A actuación foi abordada nunha xuntanza á que asistiron representantes da Zona Empresarial de Sigüeiro (ZES), o alcalde de Oroso, Alex Doval e a Conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. En opinión do rexedor, “a mellora dos viais do polígono era algo necesario xa que existe un gran deterioro polo fluxo diario de camións de alto tonelaxe que acceden a cargar ou descargar a súa mercancía nas naves industriais ubicadas no parque empresarial”. Ademais dotarase dunha beirarrúa a Avenida Álvaro Cunqueiro no seu tramo final cara o casco urbano de Sigüeiro.