Sábado. 06.07.2024

O grupo municipal do PP de Melide non entende que a comezos de xullo a meirande parte do rural estea sen desbrozar co conseguinte risco de incendio. Iso, a pesares de que o Goberno local “conta con subvencións públicas para executar desbroces mecanizados, así como con dous tractores propios con aparellos para realizar estas tarefas de mantemento durante todo o ano”.

Para a portavoz popular, Dalia García, desta volta “non hai excusa que valla”. Segundo sinalou, desde o seu partido atenden cada día a moitos veciños e veciñas de Melide que lle fan chegar as queixas da execución da campaña de desbroces. Tamén lembra que cando gobernaba o PP, “a principios de xullo no 80% das parroquias atopábase xa moi avanzada a campaña”. O contrario, suliñou, do que ocorre agora.

Outra das cuestións que lle preocupa ao PP é “a deixadez” do tripartito integrado por AM-PSdeG-BNG á hora de notificar a limpeza das fincas, de tal xeito que a veciñanza se pon en contacto co Partido Popular para interesarse polo procedemento para denunciar matogueiras a carón de vivendas que ano tras ano agravan o risco de incendio e a mala imaxe de vila, obrigando a viandantes a ir polo arcén por ser as beirarrúas intransitables. O PP rexistrará unha iniciativa para saber cantas fincas foron notificadas e limpadas nesta tempada.