Mércores. 03.07.2024

Un Plan Municipal de Inmigración. É o que reclama o Partido Popular de Santiago a xeito de ferramenta para garantir a acollida de migrantes na capital galega e “a súa integración social, cultural e económica, xunto coa potenciación da convivencia intercultural na cidade”. Ese proxecto, como defende a concelleira Yolanda Otero, deberá articular as liñas de actuación do Concello nesta materia para os vindeiros anos.

Por este motivo, a edil pide que conteña obxectivos, medidas e actuacións dirixidas aos migrantes, “nas que se aborde as súas necesidades de forma integral e dende unha perspectiva inclusiva”. Ao seu xuízo, é preciso que Compostela “conte cun instrumento que incida na calidade de vida das persoas que escolleron esta cidade para desenvolver o seu proxecto de vida, daqueles que se viron obrigados a deixar a súa casa e país pola súa situación, polas desigualdades, pola guerra ou pola falta de oportunidades”.

Otero lembra que a poboación estranxeira supera o 6% con respecto ao total da poboación municipal de Santiago. Tamén fai fincapé en que “a inmigración implica oportunidades de desenvolvemento e crecemento para toda a sociedade, se ben paralelamente demanda unha política migratoria local integral”.