O galego e a banda madrileña formarán parte do cartel musical do 50 aniversario da Festa do Queixo e subiránse ao escenario o vindeiro sábado 15 de marzo
A 50ª edición da Festa do Queixo de Arzúa, unha celebración que combina gastronomía, cultura e música, vén de confirmar as actuacións do galego Xoel López e da banda madrileña Cariño o vindeiro sábado 15 de marzo, no marco dunha festa que inclúe ademais dos concertos, multitude de actividades, feiras e obradoiros do 14 ao 16 de marzo.
Estas confirmacións engádense a unha programación da 50ª Festa do Queixo de Arzúa que este ano aposta por unha combinación de talento consolidado e novas propostas musicais. Ademais, dende a organización adiantan que este non será o último anuncio, xa que nos próximos días se desvelarán máis nomes que completarán o cartel musical da festa.
Xoel López, un dos máis recoñecidos músicos do panorama estatal, traerá ao escenario da Festa do Queixo de Arzúa o seu característico son, cheo de influencias pop, rock e folclore latinoamericano. Pola súa banda, Cariño, o trío feminino madrileño que revolucionou o pop-rock con letras frescas e pegadizas, fará vibrar ao público cun directo cheo de enerxía e actitude.
