PUBLICIDADE

O Premio Laudamuco recae en ‘Vento mareiro non dá voltas’ de Fernández e de De Casso

Estatuiña conmemorativa do Premio Laudamuco para Textos Teatrais que nesta sétima edición recaeu na obra de Julio Fernández e Alberto de CassoEstatuiña conmemorativa do Premio Laudamuco para Textos Teatrais que nesta sétima edición recaeu na obra de Julio Fernández e Alberto de Casso

O xurado do VII Premio Laudamuco para Textos Teatrais destacou da obra “a súa dramaturxia que, con só dous personaxes nun contexto veciñal, reflexiona sobre grandes temas de actualidade como o racismo ou a ecoloxía

O xurado do VII Premio Laudamuco para Textos Teatrais elixiu a obra Vento mareiro non dá voltas, do zamorano Julio Fernández Peláez (Manzanal de Arriba, 1963) e do madrileño Alberto de Casso Basterrechea (Madrid, 1963), gañadora desta sétima edición do galardón que conceden o Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas.

O xurado do Premio Laudamuco, composto por Xulio Lago, Nieves Lema, Francisco Oti, Manuel Xestoso e Inma López Silva, despois de valorar os 33 textos teatrais presentados ao certame, escolleu a obra de Fernández e de De Casso como gañadora desta edición, polo que recibirán un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.

O xurado resaltou de Vento mareiro non dá voltas “a súa estrutura dramatúrxica que, con só dous personaxes, a través de entretecidos monólogos e fluídos diálogos, nos introduce de forma sutil nun contexto de convivencia veciñal cotiá para levarnos aos grandes temas da actualidade como a ecoloxía ou o racismo”.

PUBLICIDADE

A escrita da peza está realizada cun nivel de polisemia que admite unha gran posibilidade de lecturas escénicas para as persoas que aborden a súa dirección, así como retos interpretativos interesantes debido á importancia que nela cobran as relacións humanas e o seu impacto no desenvolvemento persoal e profesional” (Fallo do xurado do VII Premio Laudamuco sobre a obra gañadora)

Nesta sétima edición do Premio Laudamuco para Textos Teatrais presentáronse un total de 33 obras, superando a media do certame, mais por debaixo dos 49 escritos rexistrados en 2024, que cos 54 orixinais recibidos na primeira edición son as de maior participación na curta historia do certame. Porén, por primeira vez nos sete anos de historia do certame, o xurado tamén quixo facer constar a súa preocupación “polo baixo nivel de corrección lingüística da maioría dos textos presentados, condición que dificultou seriamente o veredicto final”.

Premio Laudamuco naceu cun dobre obxectivo

Neste sentido, compre lembrar que o Premio Laudamuco naceu cun dobre obxectivo: poñer en valor a figura de Roberto Vidal Bolaño, ilustre veciño de Brión, e apoiar a creación dramática en galego, cumprindo así o desexo do propio Vidal Bolaño de poder contar cunha importante escola de textos teatrais na nosa lingua e sobre a nosa cultura, como paso fundamental na profesionalización do teatro en Galicia. De feito, nos seus sete anos de vida, o Premio Laudamuco leva promovido a escrita duns 275 textos teatrais en galego.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.