O Concello de Padrón abriu o prazo para anotarse na Carreira Popular de Pascua, inscrición que permanecerá aberta ata o 16 de abril, que ten un custo de 7€ para a categoría absoluta e é de balde para os escolares
O Concello de Padrón vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para a 44ª Carreira Popular de Pascua, que se disputará o sábado 19 de abril. A proba, que terá a súa saída na praza de Macías ás 10:30 horas, está aberta a corredores federados e non federados que se distribuirán nas categorías escolares (de Sub-6 a Sub-18) e na absoluta e adultos, con diferentes distancias en función da idade.
Os interesados en participar na 44ª Carreira Popular de Pascua de Padrón poden formalizar as súas inscricións, ata o mércores 16 de abril, a través da páxina web www.deporticket.com. O custo da inscrición é de 7 euros para a categoría absoluta e de balde para a de escolares. A recollida dos dorsais, que serán persoais e intransferibles, realizarase o día da proba no Paseo do Espolón.
Os primeiros en tomar a saída (10:30 horas) serán os corredores da categoría Sub-6 (nados/as no ano 2020 e posteriores), que cubrirán unha distancia de 80 metros. Dez minutos máis tarde, ás 10:40 horas, partirán os Sub-8, que completarán 425 metros.
Xa a partir das 10:50 horas, tomarán a saída nesta Carreira Popular de Pascua os atletas Sub-10, que percorrerán 625 metros, a mesma distancia que os Sub-12 que iniciarán o seu percorrido ás 11:05 horas. A quenda da categoría Sub-14, con 2 quilómetros de percorrido, será ás 11:15 horas, mentres que os Sub-16 e Sub-18 sairán ás 11:30 horas e percorrerán unha distancia de 3,5 quilómetros. A carreira absoluta, que engloba os Sub-20, Sub-23, sénior e máster, sairán ao mediodía para completar os 13,3 quilómetros de distancia.
A proba terá unha única clasificación conxunta para todas as categorías, agás nas categorías Sub-6 e Sub-8, que son non competitivas. As persoas participantes recibirán un agasallo conmemorativo, e os escolares que crucen a liña de meta recibirán unha medalla.
Terán trofeo así mesmo os tres primeiros clasificados de cada categoría da Carreira Popular, cun Trodeo Especial de Pascua na proba absoluta, os tres primeiros equipos clasificados, o primeiro corredor e corredora local da proba absoluta, o participante de máis idade (Trofeo Supermáster) e o club con máis corredores que finalicen a proba (Trofeo Participación).
A organización desta 44ª Carreira Popular de Pascua ofrecerá servizos de duchas nos pavillóns municipais, gardarroupa, avituallamento intermedio e na liña de meta, e cronometraxe por chip. O evento tamén contará con servizos médicos e ambulancia para garantir a seguridade de todos.
O Concello de Padrón covida a todas as persoas a participar nesta nova edición da Carreira Popular de Pascua, cosolidada como unha das citas referentes do calendario galego de atletismo popular e que cada ano reúne a máis corredores na vila de Padrón, promovendo o deporte, a actividade física e o espírito de comunidade.