Os libros de contos, que foron escritos polos participantes no taller literario do Centro Lalín, Agolada e Silleda en Bos Aires, que coordina Celia Otero, presentaranse nun acto o 28 de novembro
O taller literario Alas para escribir, que organiza o Centro Lalín, Agolada e Silleda en Bos Aires, Arxentina, e coordina Celia Otero, presentará o vindeiro 28 de novembro dous libros que son o resultado dunha escolma de contos escritos polos participantes neste taller: Contos da miña avoa e Letras para volar. A presentación terá lugar na sede de Ospaña en Bos Aires (Venezuela 1146, 2º piso, Auditorio-CA) a partir das 18:00 horas.
Contos da miña avoa é un volume bilingüe e ilustrado que conta con 21 contos infantís en galego e castelán dun total de 14 autores, e que contan coa singulariedade no referente á colectividade galega na diáspora. Letras para volar, pola súa banda, é unha escolma de 30 contos escritos por 16 autores, todos eles de estilos, tematicas, e xeneros diferentes creados con espíritu colectivo.
A publicación de ambas obras é posible grazas a o apoio do Réxime de Participación Cultural da Cidade Autónoma de Bos Aires Comafi, e a Ediciones Clas, o Centro Lalín, Agolada e Silleda en Bos Aires e a OSPAÑA. Os libros non están a venda, xa que se editaron sen fins de lucro e para a súa distribución institucional.








