PUBLICIDADE

Ribadavia presume con orgullo de DO na 62ª Feira do Viño do Ribeiro

A 62ª Festa do Viño do Ribeiro de Ribadavia tivo onte a súa presentación oficial nun acto que contou coa participación do alcalde César Fernández e da presidenta do CRDO Ribeiro, Concha IglesiasA 62ª Festa do Viño do Ribeiro de Ribadavia tivo onte a súa presentación oficial nun acto que contou coa participación do alcalde César Fernández e da presidenta do CRDO Ribeiro, Concha Iglesias

A 62ª Feira do Viño do Ribeiro, que conta coa DO máis antiga de Galicia, foi presentada oficialmente e converterá a Ribadavia na capital da gastronomía e o enoturismo do 1 ao 4 de maio

A 62ª Feira do Viño do Ribeiro converterá Ribadavia. do 1 ao 4 de maio, no epicentro da gastronomía e o enoturismo en Galicia. O evento, impulsado polo Concello de Ribadavia e o Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro (CRDO Ribeiro), chega a esta nova edición como unha cita de referencia do eido vitivinícola, gastronómico e cultural.

“A feira permite trasladar a historia do viño do Ribeiro e da DO máis antiga de Galicia, á Galicia do século XXI”, destacou onte César Fernández, alcalde de Ribadavia, durante a presentación oficial da cita, na que ademais puxo en valor o papel da Feira do Viño na difusión e promoción dos caldos do Ribeiro, pero tamén como espazo “de orgullo” do bo facer da comarca.

É unha ocasión para amosar o orgullo do noso territorio sobre o ben que se están facendo as cousas na DO Ribeiro e o bo traballo de viticultores, adegas e colleiteiros” (César Fernández, alcalde de Ribadavia)

Neste sentido, o alcalde de Ribadavia destacou os máis de 50 premios e recoñecementos acadados polos produtores ao longo do útimo ano. “Temos que seguir apostando polo viño como elemento de dinamización fundamental do noso territorio”, matizou.

PUBLICIDADE

Concha Iglesias, presidenta do CRDO Ribeiro, tamén enxalzou o traballo levado a cabo polos produtores e a calidade dos caldos da comarca. “Temos uns viños que son unha verdadeira marabilla, de aí a cantidade de premios colleitados nestes anos e que seguirán colleitando no futuro. Iso amosa o ben que o están facendo todas as persoas que forman parte da DO”, asegurou e convidou a toda a poboación, “tanto a que coñece o noso viño como a que non”, a achegarse á Feira do Viño do Ribeiro e probar “os nosos caldos”.

O pregoeiro desta 62º Feira do Viño do Ribeiro de Ribadavia será Alejandro Blanco (Ourense, 1950), presidente do Comité Olímpico Español (COE) dende 2005. “É un pregoeiro de honra, e pensamos que a súa participación tamén nos permitirá darlle esa visibilidade alén das fronteiras galegas ao noso viño”, resaltou o alcalde César Fernández.

Durante a presentación oficial, explicaron que a cata popular, unha das citas máis exitosas da Feira do Viño do Ribeiro de Ribadavia, comezará o venres 2 de maio pola tarde e rematará na xornada do sábado. “O domingo, ás dúas da tarde, entregaremos os premios da cata, algo moi importante para a xente que participa como público, pero tamén para as adegas que ven a acollida dos seus viños”, sinalou Concha Iglesias.

A programación, que xa foi adiantada neste xornal a semana pasada, tamén inclúe actividades xa habituais como os showcookings con chefs de recoñecida traxectoria, paseos no tren turístico ou actuacións musicais. Ademais, a 62ª Feira do Viño do Ribeiro de Ribadavia volverá contar cun espazo de conciliación para que as familias poidan desfrutar do evento.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, e a presidenta do CRDO Ribeiro, Concha Iglesias, durante a presentación da 62ª Feira do Viño do Ribeiro
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, e a presidenta do CRDO Ribeiro, Concha Iglesias, durante a presentación da 62ª Feira do Viño do Ribeiro
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.