Francisco Peña, pioneiro en saúde ambiental, presenta o vindeiro 12 de decembro en Ordes o seu libro ‘Rumbo á saúde ambiental planetaria e a un mundo novo’
O doutor e pioneiro da saúde ambiental, Francisco José Peña Castiñeira (Ponteareas, 1955) chegará o vindeiro 12 de decembro á Casa da Cultura, no Concello de Ordes, para presentar o seu libro Rumbo á saúde ambiental planetaria e a un mundo novo: as chaves para afrontar as grandes ameazas do século XXI, nun acto que comezará ás 18:30 horas e ao remate do cal asinará exemplares do libro.
Así, o doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e diplomado en Sanidade, afondará durante a presentación nas ameazas e nos retos para o planeta neste século XXI, e de como afrontar os problemas ambientais, desentrañando as súas causas e consecuencias.
Ademais, Francisco Peña, adiantará tamén algunhas das propostas concretas que fai neste libro sobre saúde ambiental para a construción dun futuro sostible; así como unha chamada á acción para que as persoas tomen conciencia e responsabilícense como cidadáns en traballar conxuntamente para acadar este obxectivo sostible.
En Rumbo á saúde ambiental planetaria e a un mundo novo, Francisco Peña ademais vai máis aló do que son os datos e os aspectos estritamente científicos, abordando a saúde ambiental dende outros eidos como o social, o económico e mesmo político. Trátase dunha obra que convida ao lector a reflexionar e a actuar a prol dun futuro máis sostible. Este é o teu libro se che preocupa o futuro do planeta e pretendes contribuír á construción dun mundo mellor.