PUBLICIDADE

A piscina de San Sadurniño ultima as obras de acondicionamento para a tempada estival

A piscina municipal de San Sadurniño, que está a ultimar o seu acondicionamento para a apertura da tempada estival, recibiu a visita do alcalde Secundino García e da concelleira Raquel Piñeiro (Foto: César Galdo)A piscina municipal de San Sadurniño, que está a ultimar o seu acondicionamento para a apertura da tempada estival, recibiu a visita do alcalde Secundino García e da concelleira Raquel Piñeiro (Foto: César Galdo)

A piscina municipal de San Sadurniño abrirá as portas ao público o vindeiro luns 23 de xuño, e xa se poden adquirir os abonos de tempada ou inscribirse nos cursos de natación municipais

A piscina municipal do Concello de San Sadurniño está sendo sometida a obras de mellora para repararlle o peche perimetral e, sobre todo, para substituír o recubrimento do vaso. Os traballos contan cun financiamento da Deputación da Coruña de algo máis de 63.000 euros.

Tanto o Concello de San Sadurniño e como a empresa adxudicataria calculan que o acondicionamento da piscina poida estar rematado entre esta semana e mediados da que vén, xusto a tempo para abrir as instalacións ao público o luns 23 de xuño

O departamento municipal de Deportes abrirá hoxe mércores o prazo para inscribirse nos cursos de natación e tamén para mercar os abonos de tempada, a mellor opción tanto para baños individuais como para ir á piscina municipal en familia.

PUBLICIDADE

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García e a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro, achegáronse onte até as instalacións dos Currás para ver o estado das obras e puideron comprobar que o groso dos traballos xa está practicamente rematado.

O principal labor centrouse no recubrimento de todo o vaso cunha lámina armada de PVC totalmente impermeable e de alta resistencia, co obxectivo de corrixir as filtracións e desprendementos que xa estaban empezando a producirse no gresite. O novo material sintético cobre agora até a canaleta perimetral de rebose e vai colocado sobre unha especie de manta xeotéxtil de polipropileno con propiedades antifúnxicas.

A maiores da reparación do vaso da piscina municipal, que xa está listo e cheo de auga para empezar a tempada, o proxecto tamén recolle melloras no exterior, concretamente no peche perimetral e no sistema de evacuación de pluviais dos vestiarios.

No primeiro caso estase substituíndo a antiga rede metálica por paneis de malla electrosoldada e soportes específicos que rodearán toda a instalación respectando as alturas actuais. Antes de facer o novo cerramento, foi necesario reparar e reforzar o murete duns 60 centímetros de altura que flanquea a piscina polo leste ao longo duns 35 metros.

A outra intervención prevista no proxecto refírese á colocación de tres canalóns de zinc na cuberta do ambigú, coa finalidade de minimizar a posibilidade de que pase auga ao interior das instalacións da pisicina municipal en días de chuvias intensas.

Pola súa banda, a concelleira de Axenda 2030 destacou que a piscina “gaña en canto á xestión eficiente da auga e da enerxía que fai falla para mantela en perfectas condicións para o baño” dado que o novo recubrimento do vaso “impide que se produzan filtracións”, precisou Raquel Piñeiro.

A obra adxudicouse en 63.121,86 euros, impostos incluídos, aínda que para as arcas municipais o investimento será moito menor, posto que a Deputación da Coruña achegará 50.000 euros por medio dunha subvención nominativa.

A piscina abre ao público o luns 23 de xuño

O Goberno local confía en que todo estea rematado e en orde de revista para o luns 23 de xuño, data prevista de inicio da tempada estival da piscina. Mais as obras deberán estar concluídas xa para a tarde do venres 20, día no que comezará o XIX Torneo de Fútbol 8 organizado polo CF San Sadurniño. Como é tradicional, o Concello abrirá a piscina para a rapazada que participa no torneo de fútbol base durante toda esa fin de semana.

O horario de baños libres será o mesmo que os anos anteriores e manterase fixo ata o vindeiro 7 de setembro: de 15:00 a 21:00 horas pola semana e de 14:00 a 21:00 horas os sábados, domingos e festivos.

escola municipal de natación, que arrancará o 4 de xullo, está posta os mércores e venres a partir das 11:00 horas ofertando durante os dous meses centrais do verán as actividades de iniciación e perfeccionamento, sempre que se xunte un mínimo de participantes.

Para inscribirse nos cursos de natación cómpre rexistrar a solicitude e efectuar o pagamento da taxa, que pode facerse con tarxeta directamente nas oficinas municipais ou no banco mediante ingreso ou transferencia, que deberá adxuntarse á petición. Os prezos para rapazada ata 14 anos que estea empadroada son 15,12 euros (18,96 euros se son doutros concellos) e 25,19 euros para maiores desa idade (31,50 euros para os doutros municipios).

As entradas individuais para baños libres terán uns prezos de 3,99 euros para persoas adultas e de 2 euros para os menores de 14 anos. As mesmas hai que recollelas cada día na cantina da piscina, aínda que sae máis a conta sacar un bono de tempada. Os individuais para maiores de 18 anos teñen un prezo de 35,27 euros para as persoas empadroadas, e de 45,35 euros para as de fóra de San Sadurniño.

Os abonos familiares ata catro persoas, cando a maioría delas sexan de San Sadurniño, teñen un custo de 62,99 euros. Porén, se a maioría dos membros están empadroados fóra do noso concello, o prezo do abono familiar serán 75,59 euros. O bono increméntase en 6,30 euros por cada persoa a partir da quinta, independentemente do empadroamento.

Os bonos deben solicitarse presencialmente na Casa da Cultura ou a través da Sede Electrónica, adxuntando fotocopia do carné da persoa solicitante, fotografías tamaño carné das persoas beneficiarias do abono, o resgardo do pagamento da taxa, a ficha de solicitude e, de ser o caso, a fotocopia do carné xove (só para abonos individuais).

O alcalde Secundino García e a concelleira Raquel Piñeiro visitaron as obras de acondicionamento da piscina municipal (Foto: César Galdo)
O alcalde Secundino García e a concelleira Raquel Piñeiro visitaron as obras de acondicionamento da piscina municipal (Foto: César Galdo)

Nestas ligazóns, os interesados poden descargar as follas de solicitude para os cursos de natación ou os abonos para a tempada de piscina:

Solicitude de abonos da piscina
Folla de autoliquidación dos abonos 
Solicitude de cursos de natación
Folla de autoliquidación dos cursos de natación

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.