A área deportiva dos Currás busca con estas intervencións, cun investimento de case 94.000 euros, reducir o consumo enerxético e mellorar o uso das instalacións
A área deportiva dos Currás está a someterse a dúas grandes melloras grazas a un investimento do Concello de San Sadurniño de 93.943,7€. Por unha banda vaise instalar unha nova caldeira de pellets en substitución dos termos eléctricos da auga quente sanitaria e, por outra, tamén se pasarán a led os focos da cancha que aínda estaban pendentes de ser renovados.
Estas intervencións do Concello na área deportiva dos Currás, que xa se está executando, busca reducir o consumo enerxético e mellorar as condicións de uso das instalacións deportivas. A obra conta cunha subvención de 60.000 euros do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia.
Segundo reflicten os pregos técnicos, nas dependencias do campo instalarase unha nova caldeira de pellets, en substitución dos antigos termos eléctricos, xunto cun depósito de 1.500 litros de capacidade. O cambio está dimensionado para atender as necesidades de auga quente sanitaria dos Currás, onde adestran e xogan tanto o CF San Sadurniño como os equipos de base da escola de fútbol Irmandiños e, en ocasións puntuais, tamén a UDC Narahío.
A nova instalación poderá atender as demandas de uso, co engadido de que pasar dos quentadores por resistencia eléctrica a un novo sistema de biomasa tamén suporá un notable descenso na factura da luz.
A área deportiva dos Currás instala modernos proxectores led
Por outra banda, no terreo de xogo o Concello proseguirá coa desmontaxe das vellas lámparas de sodio de alta presión para substituílas por modernos proxectores led deseñados especificamente para a iluminación de competicións deportivas. No 2019 xa se cambiaran a metade dos focos e agora, con esta intervención, completarase a mudanza. Esta transformación inclúe tamén a posta ao día do centro de mando e dos sistemas de protección e control, logrando así mellores niveis lumínicos e un consumo eléctrico máis baixo.
O rexedor de San Sadurniño, Secundino García, confía en que os traballos de instalación da caldeira e de substitución da iluminación “poidan facerse interferindo o menos posible no funcionamento das instalacións e sen meternos moito máis no inverno”.
O obxectivo de todo este proxecto é seguir mellorando os equipamentos deportivos dos Currás, e sobre todo baixar o gasto en enerxía polas súas implicacións económicas e ambientais” (Secundino García, alcalde de San Sadurniño)
O investimento total estaba orzamentado en 104.036,32 euros (cerca de 110.000 sumando a redacción do proxecto e a dirección de obra). Tralo proceso de licitación pública, a empresa Medancli S.L., con sede en Culleredo, resultou adxudicataria do contrato cunha oferta de 93.943,70€. O Concello financiará ese importe con fondos propios e cunha achega de 60.000 euros provenientes do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, destinado a apoiar actuacións vinculadas á eficiencia enerxética e ao aproveitamento de fontes renovables en municipios de menos de 15.000 habitantes.




