Luis Vilariño, piloto de Palas de Rei, completou un inmellorable inicio do Campionato Galego de Ralis logrando a terceira posición absoluta no 30º Rali do Cocido. Nunha proba marcada pola dureza dos seus tramos e a alta competitividade da zona alta da táboa, Vilariño demostrou a súa experiencia e rapidez para levar o Skoda Fabia R5 Evo ata os postos de honra.
Tras unha primeira xornada de toma de contacto na que o equipo de Luis Vilariño finalizou na sétima praza, a etapa do sábado foi o escenario dunha remontada baseada na constancia e o ritmo. A dupla Vilariño-Míguez foi gañando confianza co vehículo a medida que avanzaban os quilómetros, escalando posicións nunha clasificación xeral moi axustada ata consolidarse no terceiro chanzo do podio final.
Este resultado supón para o equipo de Vilariño e Míguez un impulso fundamental para o proxecto deportivo desta tempada, que ten como obxectivo prioritario disputar as primeiras citas do certame para consolidar os apoios necesarios de fronte ao resto do ano.
Tras a disputa da estrea en Lalín, Vilariño asegurou que están “realmente satisfeitos con este terceiro posto. Regresar ao Campionato Galego e subir directamente ao podio nun rali tan complicado como o do Cocido é o mellor premio para todo o equipo, que traballou sen descanso toda a fin de semana”.
Ademais, o piloto de Palas de Rei explicou que “sufrimos unha pequena perda de potencia nalgúns compases do día, polo que este resultado ten máis valor aínda, xa que soubemos xestionar a presión nunha xornada de sábado que foi esgotadora. Empezar a tempada con este resultado dános moita forza para afrontar as próximas carreiras e seguir traballando na viabilidade do noso programa para 2026”, destacou.
Con este podio, o equipo comandado por Luis Vilariño sitúase desde o inicio na loita polas posicións de privilexio do certame autonómico, cumprindo con fartura os obxectivos marcados para esta primeira proba do calendario.


