PUBLICIDADE

O Concello de Teo sopesa pechar as instalacións do campo da S.R. Calo ata que se solucionen os problemas do terreo de xogo

Partido de fútbol no campo do Rebordelo no que adestra e xoga a Sociedade Recreativa CaloPartido de fútbol no campo do Rebordelo no que adestra e xoga a Sociedade Recreativa San Xoán de Calo

O Concello de Teo sopesa pechar temporalmente o campo de Rebordelo, ante o comunicado emitido esta fin de semana polos xogadores e xogadoras da Sociedade Recreativa Calo no que manifestan o seu malestar polo estado das instalacións, o Concello de Teo lembra nunha nota de prensa que ten consignados 200.000 euros nos orzamentos municipais de 2026 para o cambio do céspede no campo do Rebordelo, na parroquia teense.

O Concello de Teo manifesta a súa sorpresa ante o dito escrito, pois as relacions entre goberno local e a directiva do club de fútbol S.R. Calo sempre foron moi cordiais e directas. De feito, o Concello manifesta ser coñecedor da actual situación do campo municipal desde a súa chegada ao goberno, pois se trata dun problema que xa veu herdado do anterior executivo.

A pesar diso, a alcaldesa Lucía Calvo de la Uz mostrou a súa preocupación por esta situación desde o primeiro momento, trasladándolle á directiva do club o apoio incondicional do actual executivo para que todos os xogadores e xogadoras deste equipo puidesen entrenar e xogar nunhas condicións óptimas e seguras. Un apoio que se veu reflectido nas actuacións levadas a cabo desde que o actual equipo de Goberno tomou posesión. Entre elas, o arranxo do muro exterior e outras deficiencias menores, que supuxeron un investimento duns 24.500 euros, así como a adecuación dos vestiarios.

PUBLICIDADE

A problemática do cambio de céspede tamén estivo moi presente nas distintas xuntanzas mantidas coa directiva. De feito, desde o Concello lembran que no 2019 foi recepcionada a obra de instalación de céspede artificial e rega no campo de fútbol de Calo, unha actuación que costou un total de 224.939 euros. Foron 5.990 metros cadrados de céspede artificial que cumpría cos criterios de FIFA Quality PRO e a norma UNE 15330-1, porén, en menos de cinco anos xa estaba en pésimas condicións.

O Concello de Teo púxose en contacto coa empresa adxudicataria

Ante esa situación, o Concello de Teo púxose en contacto coa empresa adxudicataria para abordar esta deficiencia e que repoñan o material danado. Nestes momentos, estase en negociacións para o dito cambio de céspede e de non chegar a acordo, o Concello xudicializará o tema. A pesar diso, o goberno local levou a cabo varias actuacións e melloras puntuais no terreo para que se puidera desenvolver con certa normalidade a práctica deportiva. Ata o de agora, o club desenvolvía a súa actividade con normalidade “incluso nestas datas de Nadal solicitou poder realizar un campus para os xogadores máis pequenos, petición que foi aceptada polo Concello”, indican dende o goberno local.

Agora, ante a preocupación dos xogadores e xogadoras polas condicións do terreo, e como medida preventiva ante posibles lesións ou outras incidencias, das cales o Concello non tivo coñecemento de ningunha ata a data, o Executivo local está estudando a posibilidade de pechar as ditas instalacións e derivar os entrenos dos case 350 deportistas a outros campos municipais. Unha decisión que se tomará logo de manter, nos vindeiros días, unha xuntanza coa directiva do club.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.