Os participantes na Ultrafondo 21 Leguas de Narón, que se disputa o 27 de setembro, terán que completar, en 24 ou 12 horas dependendo da modalidade, unha ruta circular de 101 quilómetros con saída e chegada no Paseo Marítimo do Xuvia
A Ultrafondo 21 Leguas de Narón, proba considerada como a máis dura de Galicia e unha das máis esixentes de España, xa completou o 70 por cento das inscricións, a falta de algo máis de tres meses para a disputa da súa cuarta edición, o vindeiro 27 de setembro.
Os participantes na proba de ultrafondo, que se disputa nas modalidades de MTB, eBike e a pé, terán que completar (en 24 horas para os de marcha ou en 12 horas para BTT e EBike) unha ruta circular de 101 quilómetros con saída e chegada no naronés Paseo Marítimo do Xuvia, percorrendo os concellos de Ferrol e Valdoviño, e atravesando enclaves de gran valor patrimonial e natural da comarca de Ferrolterra.
A repercusión da Ultrafondo 21 Leguas de Narón, en tan só tres edicións, xa traspasou fronteiras atraendo a participantes de toda España e tamén doutros países, incluíndo corredores de Portugal, Francia ou mesmo Rusia.
Esta edición 2025 da proba deportiva 21 Leguas destaca tamén pola seu compromiso coa inclusividade, con participación de atletas con diversidade funcional e outros perfís que demostran o espírito aberto e accesible da cita de Narón. Cabe destacar o aumento da presenza de mulleres, que representan o 12% dos rexistrados este ano, unha porcentaxe que creceu de forma notable respecto a edicións anteriores.
Un dos organizadores da Ultramaratón, Óscar Somorrostro, valorou moi positivamente os datos das inscricións, xa que “a falta de algo máis de tres meses para a disputa da proba, levamos récord de inscripcións e animamos a todo o mundo a participar e no deixalo para última hora, porque as prazas son limitadas”, incidiu Somorrostro.
“Cada ano a acollida da Ultramaratón de Narón é mellor, e nós como organización queremos dar máis ao participante. Tanto na experiencia durante a proba, como no previo e no final da mesma. Este ano haberá moitas sorpresas que xa levamos meses traballando e que aínda non podemos desvelar” (Óscar Somorrostro, integrante da organización)
A IV Ultramaratón 21 Leguas de Narón 2025 prevé ser unha das máis espectaculares, contando co mesmo circuíto mais mellorado respecto a edicións anteriores, e que inclúe unha zona de paddock con todo tipo de actividades para manter animado o espazo e aos asistentes, así como “moita, moita aventura”.



